CIG-Saúde advirte que o recorte de persoal na ambulancia medicalizada de Foz empeorará o servizo

Reclaman a dotación completa e que preste servizo as 24 horas
Burela - 07 Mai 2019

CIG Saúde exixe o mantemento da dotación completa de persoal da ambulancia medicalizada de Foz e a atención 24 horas na comarca da Mariña, tras coñecerse que os novos os novos pregos do contrato ofertado polo SERGAS e o 061 recollen a eliminación dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias), sendo a única ambulancia de soporte vital avanzado de todas as existentes de Galiza que sofre este recorte.

Para a Federación de Saúde da CIG isto supón un novo ataque contra a sanidade da comarca convertendo aos mariñaos e mariñás en cidadás de segunda. “A implantación da Xerencia Integrada, sumado á reforma da Lei de Saúde que suprimiu a Área Sanitaria, e agora o recorte de persoal na ambulancia medicalizada de Foz, supón, como vimos denunciando dende hai anos, a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da Mariña”, afirman.

Ademais, consideran “unha burla a toda a veciñanza da Mariña” que dende o 061 se asegure publicamente que o novo modelo de ambulancia de Foz mellorará o servizo coa perdida dun TES, “cando esta é unha figura fundamental na asistencia ás emerxencias en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital”.

Reclaman a mediación da Xerente do Hospital da Mariña

Diante deste deterioro continuado, a CIG insta á Xerente Executiva do Hospital da Mariña, María José Cortés, a manifestarse publicamente e mediar coa Consellería de Sanidade para evitar este novo recorte  “e demostrar así que traballa para garantir unha atención sanitaria digna para a cidadanía da Mariña, e que non obedece submisamente ordes políticas, indo contra os intereses da Sanidade da nosa comarca”.

Dotación de persoal e atención ás 24 horas

A respecto do que suporá a eliminación dun TES, a CIG Saúde explica que as ambulancias de clase  C, ou de soporte vital avanzado (SVA), deben estar acondicionadas para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta. O equipo humano que debe integrar cada ambulancia asistencial de SVA consta, e así o afirma a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 na súa páxina oficial é: 1 médico/a, 1 enfermeiro/a, 1 condutor/a técnico e 1 axudante técnico/a; todo este persoal debe ter unha formación específica en emerxencias sanitarias.

Os protocolos de traballo están definidos para catro traballadoras/es que están en contacto permanente coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (CCUSG-061), a través de teléfono, radio e sistema de localización por GPS. Pero ademais, estas ambulancias deben prestar servizo as 24 horas, os 365 días do ano, algo que, advirte a CIG Saúde, se incumpre na Mariña ao prestar servizo só 12 horas.  

Diante deste novo recorte, a CIG Saúde da Mariña esixe que se manteña a dotación completa da ambulancia medicalizada de Foz e que se preste servizo ás 24 horas do día para garantir os tempos de resposta e unha asistencia ás situacións de urxencias e emerxencias adecuada.