CIG-Saúde de Vigo chama a participar na manifestación "pola dignidade na Atención Primaria" deste xoves

A marcha sairá ás 20:00 horas dende o PAC da rúa Pizarro

Vigo -

A CIG-Saúde chama a toda a cidadanía da comarca de Vigo a participar na manifestación convocada para mañá, xoves 27 de decembro, para esixir unhas condicións laborais e unha atención sanitaria de calidade na Atención Primaria. A marcha tamén se convoca en apoio os/as 25 xefes/as de servizo e unidade que presentaron a súa dimisión hai dúas semanas en protesta pola insostíbel situación na que se atopa a Atención Primaria desta área sanitaria.

A manifestación, que discorrerá baixo o lema "Pola Dignidade na Atención Primaria", sairá ás 20:00 horas do PAC situado na rúa Pizarro (antigo Hospital Xeral), pasará pola Praza dos Cabalos e seguirá por Gran Vía e Urzáiz para rematar na rúa Príncipe.

A CIG-Saúde de Vigo considera que o Goberno galego ten que asumir de xeito inmediato as responsabilidades polo fracaso da súa política sanitaria e apostar de maneira decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais. Para a central sindical a actual situación require dunha resposta global ao conxunto da Atención Primaria que pasa por un compromiso político do máximo nivel para dotar de recursos humanos aos nosos centros de saúde e PAC.

Para lograr este obxectivo, a CIG-Saúde propón:

- Recuperar as estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos.

- Incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da taxa de reposición.

-Modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que os e as profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumíbeis.

-Dar resposta satisfactoria ás demandas dos e das profesionais dos PAC, que levan máis de seis meses de conflito e que, diante da pasividade da Administración, teñen convocada unha folga “que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen”.

-Incrementar a capacidade docente, para o que é preciso coidar o persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.

Volver