CIG-Saúde Compostela alerta que a área sanitaria afronta a terceira vaga con gromos nos tres hospitais

Denuncia que a Xerencia segue sen adoptar as medidas preventivas e organizativas necesarias

Santiago -

A CIG-Saúde de Compostela advirte que a falta de medidas preventivas e dunha organización adecuada por parte da Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza está a provocar o encadeamento de varios gromos de coronavirus, con gran afectación entre doentes e profesionais. Neste momento, hai gromos nos tres hospitais do CHUS: na unidade de Somática do Psiquiátrico, na planta 2ª Dereita do Hospital de Conxo, e no andar 5ªB do Clínico, onde ademais, debido ao grande ingreso de pacientes respiratorios hai deficiencias no fluído de osíxeno necesario para a súa adecuada atención.

Diante disto, a CIG-Saúde de Compostela alerta que a área sanitaria entra na terceira vaga de contaxios coa mesma precariedade laboral e a mesma mala xestión sufrida nas anteriores, xa que a Xerencia "non fixo os deberes, non corrixe deficiencias e non aplica as medidas preventivas adecuadas".

A este respecto, denuncian que a xerencia oculta información para evitar que as e os delegados de prevención de riscos poida facer un seguimento dos gromos, xa que non desglosa os datos de pacientes e profesionais por categorías profesionais e servizos e tampouco mantén reunións periódicas co Comité de Seguridade e Saúde e coa Comisión de Centro a fin de solucionar as distintas problemáticas existentes.

"Non é posíbel que a día de hoxe non existan unhas medidas preventivas de carácter organizativo nas unidades, que estean as/os profesionais con déficit de información e formación e que sigan a escatimar en EPI, como as máscaras de FPP2, a pesar das queixas reiteradas das traballadoras mediante escritos e mensaxes de correo electrónico á Xerencia", subliñan.

O Hospital de Conxo, desleixado e maltratado por fóra e por dentro

Neste nefasto panorama, a CIG-Saúde de Compostela chama especialmente a atención sobre a situación do Hospital de Conxo, que na primeira vaga (cando o uso diario da máscara cirúrxica como medida preventiva era catalogado por parte da Xerencia como unha 'loucura') xa sufrira un gromo no terceiro andar, malia ser considerado un hospital limpo.

Agora ten activo un segundo gromo que afecta a un número importante de pacientes e profesionais sanitarios, motivado entre outras razóns:

  • polas múltiples mobilizacións de doentes entre varias plantas do centro cando estaban á espera de resultados de probas covid.
  • os traslados ao Hospital de Conxo de pacientes procedentes de plantas covid do Hospital Clínico que supostamente, e segundo o Servizo de Preventiva, “xa non contaxiaban".
  • a mobilidade de profesionais, que poden ser vectores de contaxio, dentro do complexo para cubrir as ausencias programadas non cubertas, incumpríndose así todas as recomendacións ministeriais.

A isto hai que engadir a falta de circuítos que separen a pacientes covid de non covid; que o persoal sanitario ten que poñer os EPI nos corredores; que non se lles proporcionan uniformes suficientes para uso diario; a ausencia de protocolos organizativos nas plantas; ou a falta de adestramento en colocación e retirada de EPIS. Aínda que as traballadoras e traballadores do Hospital de Conxo teñen trasladado múltiples queixas por estas problemáticas "a Xerencia segue facendo oídos xordos e segue sen contestar".

Incumprimentos na normativa

A CIG advertiu en varias reunións do Comité de Seguridade e Saúde, na Comisión de Centro e incluso a través de denuncias na Inspección de Traballo que se estaba a incumprir a normativa en materia de prevención e que a mobilidade non controlada de pacientes e persoal  estaba a provocar unha situación de risco. "A Xerencia non lle pedimos a lúa, pedímoslle sentido común na labor de xestión e que respecten as medidas preventivas que manan do Ministerio. Basta xa de poñer en perigo a saúde e vida de pacientes, traballadoras/as e das súas familias", conclúen.

Volver