CIG-Saúde continúa mobilizándose pola recuperación dos salarios roubados desde 2010

Delegadas/os concentráronse no SERGAS para rexeitar os orzamentos da Xunta para 2022

Nacional -

Delegadas e delegados da CIG-Saúde volvéronse concentrar esta mañá diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para demandar, máis unha vez, a devolución dos salarios roubados desde 2010 e rexeitar os orzamentos da Xunta para 2022 en materia de Sanidade, porque “nin contemplan a recuperación de dereitos, nin cobren as necesidades do sistema sanitario público”.

No decurso da concentración a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, reiterou a demanda de que se recolla unha partida orzamentaria para poñer en marcha un calendario de recuperación dos salarios do persoal da sanidade pública suspendidos desde o ano 2010. “Lamentamos que tanto o conselleiro como Feixó presuman da boa marcha da pandemia covid en Galiza, cun recoñecemento hipócrita ao traballo desenvolvido polas profesionais, mentres seguen roubando os seus salarios e que non haxa un mínimo intento de establecer ese calendario de negociación”.

Lembrou que a CIG-Saúde está disposta a aceptar que ese calendario se execute en varios exercicios orzamentarios “pero ten que executarse”, afirmou Abuín quen tamén lamentou que a consellaría de Sanidade “non medre na mesma porcentaxe que medran outras consellarías cando todas e todos os profesionais, organizacións e a propia sociedade demandan ese incremento para dar cobertura a atención primaria, pasando dese 12% que contemplan ao 25% necesario”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde considera que con este orzamento a atención primaria seguirá  abocada ao colapso, instalada na precariedade e diminuíndo a calidade asistencial.

Por iso fixo un chamamento ás organizacións políticas parlamentarias, nomeadamente ao PP, para que atendan as demandas das e dos profesionais e da sociedade no referido a sanidade pública.

Volver