A CIG-Saúde da Coruña denuncia a intolerábel presión que se está exercendo sobre as médicas e médicos de familia en relación coas incapacidades temporais e responsabiliza politicamente o Goberno do PP e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desta actuación.
Explica que a Inspección Sanitaria está a citar profesionais que superan determinados rangos de pacientes de baixa para revisar estes procesos. Pero a situación vai máis alá: as médicas e médicos que, tras a revisión, manteñen as baixas atendendo ao seu criterio profesional “están sendo requiridos posteriormente pola xefatura da Inspección”.
Para a CIG-Saúde, esta actuación pode funcionar como unha coacción sobre o criterio clínico de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, “profesionais altamente cualificados que coñecen as súas e os seus pacientes e que deben poder decidir sen presións”.
Neste senso, Isabel Golpe, secretaria da CIG-Saúde da Coruña inquire ao goberno de Rueda para que aclare se prima a protección da saúde das persoas traballadoras ou simplemente baixar as cifras de incapacidade temporal. Por iso, reclámalle á Xunta que, de existiren rangos, obxectivos ou instrucións para reducir as baixas, se fagan públicos.
Advirte que estas actuacións, ademais, interrompen o traballo diario dunha Atención Primaria xa sobrecargada, obrigando as e os profesionais a dedicar tempo asistencial a xustificar reiteradamente as súas decisións.
“A CIG-Saúde da Coruña esíxelle ao PP e a Alfonso Rueda o cesamento destas prácticas e o respecto á independencia e ao criterio profesional das médicas e médicos de familia. As baixas non son números que haxa que cadrar”, asevera Golpe, quen rexeita calquera tipo de presión ou coaccións porque “a saúde das persoas traballadoras debe estar por riba dos obxectivos estatísticos do Goberno do PP”.