CIG -Saúde da Mariña denuncia o precario estado dos computadores cos que o persoal de Enfermaría prescribe as medicacións

A CIG-Saúde da Mariña amosa a súa enérxica queixa perante a situación das profesionais de enfermaría da Unidade de Medicina Interna do Hospital da Mariña que traballan co programa informático “Silicon” para prescribir a medicación. O problema radica, explican, en que a implantación do devandito programa non está acompañado polas “necesarias medidas de materiais informáticos en condicións”, neste caso ordenadores portátiles para facilitar o traballo.

Na planta de Medicina Interna existen catro computadores portátiles para prescribir, administrar e rexistrar a medicación, pero tres destes dispositivos teñen o teclado estragado.  A Xerencia do Hospital da Mariña deféndese dicindo que non hai diñeiro para renovar os computadores e a única solución que achegaron “foi  poñer encima dos portátiles teclados normais”, explica a CIG-Saúde.

“Para evitar que se cambaleen e caian o propio persoal tivo que poñer soportes (caixas) e suxeitalos con esparadrapo. Unha situación impropia dunha sanidade pública galega do século XXI”, denuncian.

O programa “Silicon” permite evitar o papel non proceso de  prescrición e administración de fármacos dentro do hospital “pero a súa implantación ten que ir acompañado de computadoras portátiles en perfecto estado”.

A CIG reclama a renovación inmediata dos computadores

A este respecto, a central lembra que o SERGAS fixo público non hai moito tempo un investimento para renovar o parque de computadores e impresoras, “mais a realidade é que á precariedade laboral da enfermería no noso hospital, agora témoslle que sumar a obsolescencia informática”, sinalan.

Desde CIG-Saúde da Mariña pregúntanse se estes son os máis e mellores servizos e a “alta tecnoloxía” que o Partido Popular anunciou para o Hospital da Mariña e onde están os cartos prometidos para a renovación dos equipos informáticos. A central sindical esíxelle ao SERGAS a renovación inmediata dos computadores portátiles para facilitar o traballo diario do persoal de enfermaría e facilitar así os coidados ás/aos pacientes, xa que cómpre lembrar que o programa informático “Silicon” é a única ferramenta informática para prescribir, administrar e rexistrar a medicación.

Volver