CIG-Saúde de Lugo denuncia a alarmante falta de persoal na Atención Primaria de toda a provincia

Esíxenlle solucións inmediatas á dirección da área sanitaria

Lugo -

A CIG-Saúde de Lugo denuncia novamente a precaria situación da Atención Primaria na provincia pola falta de persoal sanitario. Unha situación á que se chega, advirten, pola "falta de previsión e organización por parte da dirección da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña, e Monforte de Lemos".

Isto leva a que as e os profesionais, tanto dos centros de saúde do rural como das zonas urbanas "teñan que asumir a atención aos/ás doentes dos seus compañeiros/as, pechando axendas pola imposibilidade de atender adecuadamente a todos/as usuarios/as, ou mesmo ter que derivalos ao PAC".

Unha situación que se repite en toda a provincia

Como unha mostra do que acontece en toda a Atención Primaria da provincia, sinalan que en centros de saúde como o de Viveiro, cunha poboación duns 15.000 habitantes que se chega a duplicar na época estival, terían que estar 10 médicos/as de familia (7 na quenda de mañá e 3 na tarde), mais a día de hoxe só hai 2 médicos/as e 1 que atende as urxencias.  Mentres que en Castro Ribeiras do Lea, lévase sen substituír a 2 facultativos durante todo o verán.

En canto aos centros de saúde da cidade de Lugo, denuncian que no da Praza do Ferrol non hai médico/a para realizar a atención na quenda de tarde 2 días á semana; e no centro de saúde Illas Canarias ou o da Milagrosa están con ausencias de facultativos e de enfermería sen substituír dende hai varios meses.

Profesionais ao límite

"As e os profesionais facultativos e de enfermería están ao límite da súa capacidade de atención para poder dar unha calidade asistencial mínima, sentíndose impotentes e desbordados ante unha situación na cal o único que necesitan é que a dirección se poña a xestionar e poñan freo a esta situación alarmante que o único que fai e destruír a Atención Primaria tal e como a coñecíamos e saturar a Atención Hospitalaria", critica Víctor Vila, responsábel de Atención Primaria de CIG-Saúde Lugo.

Insiste en que "non hai escusas" para manter esta situación e que todos os cargos implicados "se teñen que pór a traballar en solucionar o problema que eles mesmos crearon por falta de planificación e polos contratos precarios que ofertaron e seguen a ofertar. Que usen as ferramentas que hai".

Doutra banda, para a CIG-Saúde de Lugo resulta incríbel que o Goberno galego permita este deterioro da sanidade pública até o punto de que nalgún concello como o de Viveiro "a situación está ao límite e ao borde de ter que chamar a UME para que a poboación poida ser atendida cunha calidade asistencial mínima".

Volver