CIG-Saúde de Lugo denuncia o "calamitoso estado" da Atención Primaria na provincia

Péchanse axendas pola imposibilidade de atender de maneira adecuada os/as usuarios/as

Lugo -

A CIG-Saúde denuncia o "calamitoso estado" no que se atopa a Atención Primaria en Lugo. Unha situación á que se chegou pola falta de organización e de previsión por parte dos/das responsábeis do SERGAS, "obrigando agora ás e aos profesionais a ter que asumir doentes dos seus compañeiros/as, tendo que pechar axendas pola imposibilidade de atender adecuadamente a todos/as usuarios/as, ou mesmo non poder citalos/as nun prazo razoable de tempo".

A isto súmase que estes/as profesionais son quen se encarga de facer os seguimentos dos casos Covid, "co aumento vertixinoso que temos na actualidade, o que evidencia o mal funcionamento do sistema de rastrexo".

CIG-Saúde de Lugo denuncia que a falta de persoal substituto, tanto entre o persoal de enfermaría como entre o médico de familia, provoca que haxa centros de saúde, como  o de Castro Ribeiras de Lea, que nestes momentos conta cun 25% do cadro de facultativos/as; ou o de Vilalba, onde non se substituíu a 5 médicos/as. Tampouco os centros de saúde da capital da provincia "están baixo mínimos, véndose afectada a súa calidade asistencial".

Desorganización e precariedade

"Queremos lembrar e denunciar á súa vez que os/as responsábeis do SERGAS son os/as únicos/as culpábeis da falta de persoal substituto, xa que ante a desorganización e precariedade coa que se atopan no Sistema Galego de Saúde, as novas promocións saídas da facultade prefiren traballar en outros sistemas sanitarios onde non teñen situacións tan precarias", advirten.

CIG-Saúde de Lugo critica que "a Xunta, que por unha banda, intenta vender á poboación a súa cara amable dando cheques-bar ao persoal sanitario e outorgando medallas cunha intención meramente propagandística, pola outra, paga ós/ás traballadores/as do Sergas denegándolles o seu dereito ao descanso e negándose a negociar tanto a recuperación dos acordos retributivos como dos salarios conxelados por Feixoo".

Volver