CIG-Saúde demanda Fisioterapia e Logopedia na carteira pública de servizos do Hospital da Mariña

Insta o SERGAS a comprobar se a empresa que tiña o concerto continúa cos tratamentos iniciados

Burela -

A EOXI de Lugo-Cervo-Monforte de Lemos tiña subscrito un concerto para a realización de tratamentos de rehabilitación coa empresa Fisioterapia Lugo S.L., un acordo que foi rachado deixando a centos de mariñaos e mariñás sen asistencia. Segundo os datos facilitados polo SERGAS, a situación na Mariña pola ruptura do acordo con esta empresa privada é a seguinte: 42 pacientes de Logopedia  e 836 crónicos/as en Fisioterapia e ningunha persoa en lista de agarda agudos/preferentes remitidos ao centro concertado. 

A Administración sanitaria, en resposta escrita á unha pregunta formulada polo BNG, subliña que a clínica se comprometeu a continuar tratando a todos os e as doentes que estaban sendo atendidos até a finalización dos seus tratamentos. Polo tanto as actuacións a levar a cabo non son para a reanudación de tratamentos senón para o inicio dos pendentes e a resolución da lista de espera, segundo afirma o SERGAS.

Crianzas con tratamento interrompido

Porén,  explica a CIG-Saúde da Mariña, esta aseveración contrasta coas denuncias de nais e pais queixándose de que as súas crianzas quedaron co tratamento de logopedia interrompido, e nalgúns casos con 12 e 20 sesións pendentes, e que a día de hoxe continúan agardando unha solución.

Fronte a isto, a CIG esixie do SERGAS que clarique esta grave situación, xa que se suspederon tratamentos en curso mentres se chamou a persoas para iniciar tratamento. De igual xeito, a central rexeita a proposta do SERGAS, que ofreceu a posibilidade de ir a Logopedia a Lugo, “pero de luns a venres, e en horario de mañá, provocando desprazamentos innecesarios”.

“Na Mariña xa sufrimos as consecuencias de deixar en mans privadas prestacións sanitarias básicas, mais o SERGAS teima en cometer o mesmo erro en vez de apostar por unha Fisioterapia e Logopedia 100% pública”. Pregúntanse “cal é o motivo para discriminar aos mariñaos e mariñás, cando outros hospitais da rede pública dispoñen de Logopetia na súa carteira de servizos e prestacións. Son estes os máis e mellores servizos prometidos coa ampliación do noso hospital?”.

Plan urxente e integral

O sindicato nacionalista reclama máis unha vez a posta en marcha dun Plan urxente e integral  para abordar o abandono destes servizos e erradicar as listas de espera. “Un plan que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas privatizadoras e de destrución da sanidade pública na Mariña, e que dote de persoal (fisioterapeutas e logopedas) e medios materiais o Hospital da Mariña e os centros de saúde”.

“Deste modo obteriamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de fisioterapia e logopedia 100% público e de calidade”, conclúen.

Volver