CIG-Saúde denuncia a creación de novas prazas no 061 en condicións de precariedade e sen negociación

Advirten do deterioro laboral, que as prazas non teñen centro de traballo estábel e que o novo persoal estará sometido á mobilidade forzosa entre provincias
Nacional - 11 Dec 2025

A CIG-Saúde, como organización sindical maioritaria no 061, denuncia que a dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia–061, en conivencia co SERGAS, pretende incorporar novas prazas cunhas condicións laborais que profundan na precarización, aumentan a inestabilidade, xeran desigualdades graves entre o persoal actual e o de nova incorporación e poñen en risco a calidade asistencial. A CIG-Saúde reclama unha rectificación inmediata e a apertura dunha negociación seria que garanta “equidade, estabilidade e dignidade laboral”.

As prazas anunciadas carecen dun centro de traballo estábel, polo que o persoal asignado a estas medias prazas verase obrigado a rotar anualmente ou incluso mensualmente entre bases medicalizadas de distintas áreas sanitarias, nalgúns casos separadas por máis de 100 km: Santiago–Ourense 106km; Ferrol–Foz 120km; Lugo–Monforte 65km; e Pontevedra–Salnés 24km. Só na Coruña e en Vigo–Mos as distancias son menores.

Esta mobilidade imposta, destaca a CIG-Saúde, supón “un gravísimo prexuízo económico, persoal e profesional, incrementando gastos en desprazamentos, risco viario, dificultade de conciliación e imposibilidade de consolidar equipos estábeis de traballo”.

Impacto asistencial e deterioro das condicións profesionais

Alertan que o modelo proposto pola dirección da Fundación 061 provoca ademais inestabilidade e estrés entre o persoal, ao obrigalo a adaptarse continuamente a protocolos, dinámicas e composicións de equipo diferentes; e desigualdade de oportunidades, ao impedir que quen ocupe estas prazas poida optar a postos como xefaturas de base ou participar en proxectos de investigación.

Tamén fomenta os déficits organizativos, dado que a implantación destas prazas está a provocar desaxustes de xornada, perda de noites traballadas e incerteza sobre o cómputo anual de horas; e risco de perda retributiva, porque parte da xornada se reduce a consta de horas vinculadas a obxectivos variábeis do plan funcional, sen garantías de estabilidade nin blindaxe normativa.

A maiores, a dirección propón “anos de probas” na organización dos calendarios, deixando en mans de cada base decidir a periodicidade de rotación (15 días, un mes, seis meses…), “o que xera máis incerteza e falta total de planificación”.

Ausencia absoluta de negociación e improvisación na implantación

A CIG-Saúde explica que a dirección do 061 anunciou a incorporación dos novos equipos para o 1 de xaneiro de 2026, sen tempo para negociar nin adaptar os calendarios anuais, as carteleiras, os plans funcionais e os criterios de distribución de vacacións e días libres. “A día de hoxe, preto do 15 de decembro, a maioría do persoal asistencial nin sequera dispón do calendario completo de xaneiro, impedindo a conciliación e o exercicio de dereitos básicos de planificación familiar”, critican.

Ante todo isto, a CIG-Saúde exixe a apertura inmediata dunha mesa de negociación real e con garantías para evitar que se creen persoas traballadoras de segunda no O61; e dotar de condicións laborais dignas e xustas o servizo.

Estas condicións, apuntan, pasan por estabelecer calendarios con déficit 0 a día 1 de xaneiro, calendarios sen autocoberturas obrigatorias e sen descontar os días de libre disposición, unha distribución equitativa mes a mes e o desconto íntegro das horas do plan funcional da xornada ordinaria. Ademais do recoñecemento da xornada legal: PAC para o persoal médico e Concertación Social para enfermería.