CIG-Saúde denuncia a falta de espazo para a atención de pacientes no PAC de Cee

Demanda da Xerencia que concrete onde se localizará o PAC e o inicio inmediato das obras
Cee - 25 Xun 2020

CIG-Saúde denuncia a falta de espazo para a atención das/os pacientes no PAC de Cee e esíxelle á Xerencia de área sanitaria da Coruña-Cee unha solución inmediata que, salientan, non pode verse demorada ao período do inverno, pois é cando se incrementa a afluencia de doentes.

A responsábel da CIG-Saúde da Coruña, Lucía Peón, explica que desde a declaración da pandemia da Covid19  fíxose necesaria a distribución dun dobre circuíto de entrada nas urxencias hospitalarias do Hospital Virxe da Xunqueira. Esta dobre entrada incidiu directamente sobre os espazos que previamente estaban destinados para o PAC de Cee, eliminando todas as consultas deste centro.

"Esta situación provoca que as/os pacientes sexan atendidas/os en espazos non axeitados, onde mesmo hai dificultades para a entrada e saída de padiolas e incluso dificultades co tránsito de cadeiras de rodas", advirte.

Contradicións entre as informacións da Xerencia e a da alcaldesa

Por parte da Xerencia da Coruña comunícaselle ás/aos traballadores que, dado que o Hospital non dispón de espazo suficiente para facer unha obra axeitada ás necesidades do PAC, este vai ser trasladado ao centro de saúde.

Unha disposición que choca coas declaracións da alcaldesa afirmando que haberá obras no centro de saúde encamiñadas a arranxar a fachada e o pavimento, pero en ningún caso fala de modificacións arquitectónicas que adecúen o espazo para o PAC. "É máis, afirma que o PAC vai habilitarse no Hospital, cando xa está descartado pola Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee", apunta Peón.

Ante esta falta de concreción, a CIG-Saúde esixe da Xerencia que confirme a cal é a nova localización do PAC e que comunique a data de inicio das obras, xa que a situación actual non admite demora.