CIG-Saúde denuncia o amoreamento de doentes nas urxencias do HULA mentres hai 34 camas pechadas

A central reclama a apertura inmediata da planta 4B2
Lugo - 03 Nov 2021

A CIG-Saúde de Lugo denuncia a saturación do servizo de Urxencias pola falta de camas de hospitalización e reclama á dirección do Hospital Lucus-Augusti que abra de inmediato as 34 camas do andar 4B2 que permanecen pechadas. A representación da CIG explica que o martes 2 de novembro quedaron 14 pacientes nas urxencias pendentes de ingresar e este mércores hai 10 doentes pendentes de ingreso en planta e en observación.

Esta situación, advirten, merma a calidade asistencial que reciben as e os doentes e ao tempo provoca unha sobrecarga e un enorme estrés entre o persoal, "xa que este servizo é para a atención urxente e inmediata de pacientes e nestes momentos está convertido tamén nun servizo de hospitalización". A falta de camas, advirten, deriva en que as e os doentes non estean no servizo correspondente á súa patoloxía e que teñan que esperar en padiolas até 24 horas ou incluso máis tempo.

Por iso, a CIG-Saúde esixe que se abra de inmediato toda a planta 4B2 e as 34 camas que hai nela.