A CIG-Saúde denuncia o colapso crónico das urxencias nos hospitais galegos
A CIG-Saúde denuncia un ano máis o colapso das urxencias nos hospitais galegos, cunha situación que lonxe de mellorar empeora progresivamente. A situación dos servizos de urxencias de todos os hospitais galegos é crítica, con multitude de pacientes pendentes de cama de hospitalización que permanecen nos servizos de urxencias durante días, saturando uns dispositivos xa de por si insuficientes. As urxencias volven estar ateigadas de pacientes, moitas destas persoas amoreadas nos corredores, sen as condicións mínimas de intimidade nin de calidade asistencial.
Segundo o sindicato, o colapso xa non é un feito puntual senón unha realidade estrutural que se prolonga durante máis días e cunha maior gravidade cada ano. A CIG-Saúde cuestiona até cando vai agardar o goberno de Alfonso Rueda para poñer en marcha as medidas necesarias que eviten esta situación reiterada.
O sindicato sinala como unha das causas, pero non a única, o deterioro continuado da Atención Primaria, froito de anos de falta de investimento, dunha xestión descentralizada ineficaz e da ausencia de reforzos de persoal. Esta situación tradúcese nun persoal profesional exhausto e en pacientes que teñen que agardar semanas para conseguir unha cita médica.
Outra das causas é o debilitamento da Atención Hospitalaria, con recorte continuado nas camas hospitalarias e con profesionais insuficientes para atender as necesidades asistenciais actuais, con demoras intolerábeis nas listas de agarda.
A incapacidade do SERGAS para dar resposta axeitada ás persoas con doenzas crónicas provoca que moitas delas vexan agravadas as súas patoloxías, rematando finalmente en ingresos hospitalarios que poderían terse evitado cunha Atención Primaria eficaz. Para a CIG-Saúde, esta realidade evidencia unha mala xestión dos recursos públicos e unha atención deficiente á cidadanía.
Faltan plans de continxencia
Desde o sindicato lembran que os servizos de urxencias deberían contar con plans de continxencia que permitan afrontar os picos de demanda sen chegar ao colapso. Porén, ano tras ano non se reforzan estes servizos co persoal necesario, mesmo en categorías que non son deficitarias, o que incrementa a sobrecarga laboral das e dos profesionais.
Esta sobrecarga ten consecuencias directas na atención ás persoas doentes, xa que non se pode dedicar o tempo preciso a coidados básicos como o aseo, as mobilizacións ou a atención personalizada. O resultado é unha asistencia precarizada, pacientes amoreados e unha perda evidente da calidade asistencial.
Por todo isto, a CIG-Saúde esixe a adopción inmediata de medidas, a elaboración de protocolos eficaces e unha planificación real que evite que o colapso das urxencias se repita ano tras ano.
O sindicato pregúntase como é posíbel que, sendo unha situación previsíbel e recorrente, non existan mecanismos para previla e por que cada ano o colapso sexa maior.