CIG-Saúde denuncia o colapso das Urxencias do HULA pola falta de camas para facer ingresos

- 17 Xan 2023

A CIG-Saúde de Lugo denuncia a situación de colapso que se está a vivir no servizo de Urxencias do Hospital Lucus-Augusti (HULA) pola falta de camas para ingresar os e as doentes. A saturación nas Urxencias é tal, subliñan, que na madrugada do luns tivo que abrirse unha das plantas que permanecían pechadas.

Mónica Roca, delegada da CIG-Saúde, advirte que dende hai varias semanas existen problemas para atopar camas libres cando hai que ingresar a algunha persoa; e "mesmo no servizo de Observación é excepcional que non estean todas as camas ocupadas". Isto implica que as e os doentes pendentes de pasar a Observación ou ingresar nunha planta permanezan durante horas nunha padiola nos corredores do servizo de Urxencias.

A media tarde deste martes, explica a CIG-Saúde, había nove persoas ingresadas no servizo que se abriu de maneira excepcional "mentres manteñen o resto das camas bloqueadas e non se pode facer uso delas. Na tarde de hoxe no servizo de Urxencias hai 14 ingresos pendentes de ocupar unha cama, algúns dos cales están neste servizo xa dende a noite pasada", denuncia Roca.

Para a CIG-Saúde resulta inadmisíbel que existindo camas baleiras no hospital no se permita o seu uso "utilizando unicamente criterios economicistas para esta decisión, e isto sempre a conta do benestar das persoas, que abondo teñen coa súa patoloxía sen ter que sumarlle horas de permanencia en padiola, falta de intimidade etc.".

Pero este aforro tamén se dá a conta de ter "traballadoras e traballadores cada día  máis explotados e máis desganado por sufrir unha sobrecarga de traballo que xa é unha constante".