A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS ignora as propostas de mellora salarial presentadas pola organización sindical e rexeita convocar unha nova Mesa Sectorial para tratar calquera cuestión até despois do 29 de novembro. A Administración sanitaria non só se nega a negociar un acordo retributivo para todas as categorías, senón que paraliza o órgano de negociación colectiva e deixa sen resposta as reivindicacións do persoal da sanidade pública galega.
A CIG-Saúde presentou para os orzamentos de 2027 propostas que inclúen a equiparación do complemento específico co persoal da Xunta, a revisión doutros conceptos salariais e a recuperación das pagas extraordinarias íntegras.
Ademais, o 17 de novembro solicitou formalmente a apertura dunha negociación para compensar economicamente a demora na reclasificación profesional, mediante o aboamento das diferenzas correspondentes ao soldo base e aos trienios do grupo ou subgrupo inmediatamente superior mentres non se faga efectiva esa reclasificación.
A pesar destas iniciativas, o SERGAS non ofrece unha resposta ás reivindicacións retributivas e rexeita convocar unha nova Mesa Sectorial antes do 29 de novembro, mesmo para abordar outras cuestións.
Para a CIG-Saúde, a negociación colectiva non pode converterse nun dereito que a Administración deixa en suspenso cando as demandas do persoal lle resultan incómodas. “A responsabilidade do Goberno galego non é evitar o debate sobre as retribucións, senón afrontar as propostas das organizacións sindicais e dar respostas”, salienta a secretaria nacional, Ana Lestón.
Considera inadmisíbel que Alberto Núñez Feijóo presuma da súa xestión da sanidade pública cando estivo á fronte da Xunta de Galiza, así como do traballo das súas profesionais, “mentres o actual Goberno do seu partido nin sequera acepta discutir unha mellora das súas retribucións. O recoñecemento ao persoal sanitario non pode limitarse aos discursos mentres se lle nega a posibilidade de negociar as súas condicións económicas. O sindicato esixe que ese recoñecemento se traduza en compromisos laborais e salariais concretos”.
O PP galego pecha a porta á negociación salarial
A secretaria nacional da CIG-Saúde matiza que o SERGAS non está rexeitando unha proposta económica concreta tras negociala, senón que se nega a abrir a propia negociación. “Esta posición supón un desprezo ás reivindicacións das traballadoras e traballadores e ao papel da Mesa Sectorial como órgano de negociación colectiva”.
Apunta Lestón que o pasado 17 de setembro, o Servizo Rioxano de Saúde (SERIS), dependente dun Goberno autonómico do Partido Popular, alcanzou un acordo na Mesa Sectorial que inclúe 19 medidas, publicado oficialmente o 6 de novembro. Entre elas figuran melloras na retribución das gardas, na produtividade fixa de enfermaría e celadores, así como o recoñecemento de retribucións do grupo C1 para TCAE e técnicos de Farmacia e do grupo B para técnicos especialistas.
CIG-Saúde esixe ao PP que explique “por que noutra comunidade gobernada polo mesmo partido é posíbel negociar e pactar melloras económicas co persoal sanitario mentres en Galiza o SERGAS nin sequera quere abrir esa negociación”.
Lestón indica que non se están reclamando acordos idénticos, senón a convocatoria da Mesa Sectorial e a apertura dunha negociación retributiva para todas as categorías, con propostas económicas concretas por parte da Administración.