Desbordamento das consultas médicas no centro de saúde de Chantada ao estar só dous facultativos

CIG-Saúde denuncia que o centro está hoxe tamén sen pediatra nin odontóloga

Monforte -

A CIG-Saúde Monforte alerta que o Sergas non está a cubrir as ausencias dos permisos e incapacidade temporal do persoal facultativo do Centro de Saúde de Chantada, no que nestes momentos hai só dous facultativos para atender os cupos de seis profesionais. Ademais nesta xornada está sen cubrir a praza de pediatría polo que, ademais, son estes médicos quen ten que prestar atención ás crianzas.

Dende a pasada semana, dos 6 médicos/as faltaron 3 por diversos permisos (un deles por estar cunha incapacidade temporal) e non se cubriron estas ausencias. "O SERGAS mandou algún día un reforzo que foi insuficiente xa que esta unidade de atención primaria ten arredor de 8.000 pacientes. Queremos recordar que Chantada é un municipio cunha poboación moi envellecida, o que supón que frecuenten a miúdo o Centro de Saúde e o PAC. O SERGAS alega que non hai médicos substitutos pero consultadas fontes iso no é certo.

Pero esta semana, advirte a CIG-Saúde, a situación agravouse xa que dos 3 facultativos que traballaban, 1 colleu a baixa e non se cubriu, "o que fai que a consulta do Centro de Saúde de Chantada sexa pasada por 2 médicos de familia. Isto aconteceu onte e hoxe e o SERGAS non mandou ningunha persoa para substituíla".

Desbordamento das consultas

Esta situación provoca un desbordamento das consultas médicas, pois o persoal en activo, ademais dos/as pacientes do seu cupo, ten que atender as e os pacientes dos outros catro cupos. "Esta situación é insostíbel e fai que moitas persoas teñan que acudir ao PAC de Chantada para seren atendidas. Dende CIG-Saúde lembramos que hai un só facultativo e un enfermeiro para atender a unha poboación de máis de 10.000 habitantes. Pero o realmente sangrante é que hai dous médicos de baixa e que non teñen cobertura por puro desleixo do SERGAS".

A isto hai que sumarlle que hoxe no Centro de Saúde non hai pediatra nin odontóloga e o cupo pediátrico de 800 crianzas está sendo atendido polos dous médicos de familia que hai no centro. Esta situación de non cobertura da pediatra acontece con frecuencia, sendo o persoal facultativo do centro de saúde e do PAC quen ten que atender os cativos e cativas.

A propaganda sobre o novo modelo de Atención Primaria

A CIG-Saúde de Monforte critica que a Consellaría estea a facer propaganda das bondades do novo modelo de Atención Primaria "que é unha cortina de fume que non está a solucionar os problemas graves que están a pasar os centros de saúde e os PACs, xa que non cobre as necesidades de dotación de persoal e material para estas unidades que levan anos sufrindo recortes e que o SERGAS non fixo nada para solucionar"

Este novo modelo de Atención Primaria, engaden, esperta un crecente malestar entre os seus e as súas profesionais e de feito está convocada unha folga para os días 9, 10 e 11 de abril. "Tamén queremos recordar que os PAC’S de toda Galiza levan en folga indefinida dende o 07/01/2019 e o SERGAS non lles dá solución e teñen paralizadas as negociacións co persoal".

Desidia da EOXI

CIG-Saúde Monforte tamén quere denunciar a desidia que está a ter a EOXI Lugo, Cervo e Monforte en dar solución ao escrito dos/as traballadores/as do Centro de Saúde de Chantada que presentaron en rexistro o 14/01/2019 "e a día de hoxe a Xerencia aínda non se puxo en contacto co persoal para darlle solución".

"É lamentable que o único que se arranxara fora  o electrocardiograma, pero porque estaba tan vello que acabou de romper. Sobre este tema CIG-Saúde Monforte fixo unha nota de prensa difundindo o escrito a petición dos traballadores/as. É incríbel que o SERGAS nin se molestara en falar con este persoal nin intentase resolver problemas".

Neste senso, lembran que recordar que as e os traballadores denunciaron a mala calidade nos materiais sanitarios subministrados polo SERGAS; as trabas administrativas nas peticións dos pedidos; recortes nas unidades solicitadas de material (o que provoca que moitas veces haxa desabastecemento de medicamentos e que os e as pacientes que acoden ao centro de saúde teñan que ir buscalos á farmacia-; a non implantación do programa de espirometrías (a pesar de ter un traballador formado para facelas, non se poden realizar porque o SERGAS non remite unha estación meteorolóxica); “descoordinación” na enfermería pola ausencia no nomeamento dun novo coordinador  ou coordinadora de enfermería; así como outras moitas irregularidades.

"Cada primeiro trimestre de cada ano os centros de saúde fan a petición do plan de necesidades e un ano tras outro están denegando as peticións de materias novos para o Centro de Saúde e PAC de Chantada. Nos medios de comunicación non paran de alardear dos máis de 17 millóns de euros que vai destinar á atención primaria pero iso non chega a nada nin sequera para poñer un parche", aseveran.

Volver