CIG-Saúde denuncia un novo colapso no servizo de Urxencias do Hospital da Coruña

A Coruña - 14 Dec 2022

A CIG-Saúde denuncia o novo colapso nas Urxencias do Hospital da Coruña, nas que, a primeira hora deste mércores había 60 persoas "estancadas" na unidade -tres delas críticas-, que xa terían que estar ingresadas en planta de haber camas no centro hospitalario. O estancamento dos pacientes en Urxencia, advirten, provoca que o servizo se desborde "e que os e as doentes estean amoreadas o longo de tres corredores".

A atención nos corredores de Urxencias "vulnera todos os dereitos á intimidade e dignidade do/a paciente. A atención prestada nos corredores é deplorábel, son espazos de paso totalmente inhabilitados para atender as necesidades básicas das persoas usuarias: non se dispón de baño, de mobiliario sanitario etc.", denuncia a secretaria comarcal da CIG-Saúde, María Formoso.

Porén, alerta que a situación no resto do hospital "non é mellor", e xa hai varias unidades nas que as habitacións dobres se converteron en triples, pero que isto vaia acompañado dun reforzo do persoal, "primando o aforro á calidade na asistencia sanitaria".

Sobre a saturación actual, Formoso subliña que estes incrementos da demanda non son puntuais, senón que constitúen "unha realidade epidemiolóxica recorrente no período invernal", que provoca ano tras ano que os hospitais, incluídos os servizos de urxencias, se atopen sempre ao límite da súa capacidade.

Todo isto acontece, ademais, nun marco de política de recortes e aforro, sen contratación de novos profesionais, "materia prima fundamental para dar cobertura a un sistema sanitario público do que toda a cidadanía faremos uso nalgún momento das nosas vidas".

Formoso critica que o incremento de xeito exponencial da carga asistencial no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña non supón para a Xerencia, nin tampouco para a Consellería de Sanidade, un motivo suficiente que xustifique un incremento de recursos humanos (xa de por si insuficientes de base) nesta área sanitaria, incluso a pesar de ser hospital de referencia.

A CIG-Saúde da Coruña denuncia "esta situación de colapso global" que sofre de xeito constante o CHUAC, mentres a Xerencia e a Consellería de Sanidade "asisten como meros espectadores deste “inferno dantesco” que se repite no tempo e que non ten outra fin que o desmantelamento da sanidade pública, pois doutro xeito xa terían en marcha políticas de mellora e recuperación da mesma".

Por todo isto, a central nacionalista exíxelle á Xerencia e á Consellería de Sanidade que adopten solucións de xeito urxente, que teñen que pasar pola contratación de profesionais, medidas de drenaxe eficaz do servizo de urxencias, e medidas que diminúan a afluencia ás urxencias hospitalarias recuperando e fortalecendo a Atención Primaria.