CIG-Saúde denuncia a adxudicación a dedo de dúas prazas de enfermería no Hospital de Monforte

Foron ocupadas por persoal nomeado “sen ningún tipo de requisito nin proceso selectivo”

Monforte -

A CIG-Saúde denuncia os “dedazos” que se están a producir no hospital comarcal de Monforte, nomeadamente na cobertura de dous postos de facultativo que están sendo ocupados por persoal nomeado “sen ningún tipo de requisito nin proceso selectivo”.

Explican que a última OPE de facultativos/as colleu praza no servizo de admisión un médico de Vigo, que nunca chegou a incorporarse ao Hospital de Monforte, xa que se lle concedeu unha comisión de servizo naquela cidade. “Acto seguido, saíu a convocatoria desta praza como reserva de praza, que colleu outro  facultativo que tampouco chega a pisar o noso hospital”, indican. O proceso embarúllase máis xa que este facultativo “foi substituído hai case dous anos cun enfermeiro nomeado a dedo, sen ningún tipo de requisito nin pasar ningún proceso selectivo”, denuncian.

Ademais, acaba de coñecerse que a praza doutro facultativo se cubrirá do mesmo xeito. “É dicir, que se volve cubrir outra praza de facultativo cun enfermeiro e nomeado a dedo polo Director do Distrito. Outra vez sen ningún tipo de transparencia e sen pasar ningún tipo de proceso selectivo”.

Para “rematar a desfeita”, salientan, estas dúas persoas son contratadas -non teñen praza en propiedade-, “co cal se lles está blindando un contrato de por vida até que a xerencia decida". Circunstancia que supón, ademais, "un agravio comparativo para todo o persoal do hospital que ten a súa praza, xa que non poden acceder a estas prazas de ningún xeito, nin a través de acomodos internos, nin por medio dun proceso selectivo”.

Volver