A CIG-Saúde representa o enterro simbólico da Atención Primaria na sétima xornada de folga
“A Atención Primaria finou despois dunha longa agonía”. Come este epitafio, e coa compaña de ramos de flores, prantos e mesmo pregarias, a CIG-Saúde representou este xoves o enterro da Atención Primaria ás portas da Consellaría de Sanidade. Unha acción enmarcada na nova xornada de folga (a sétima convocada pola central nacionalista dende o mes de novembro) para reclamar melloras nas condicións de traballo e medidas estruturais que eviten o colapso dos centros de saúde e dos PAC.
"Se cae a Atención Primaria, cae todo sistema sanitario público", advertía con contundencia a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, criticando a falta de avances na reunión do comité de folga coa Consellería que tivo lugar no día de onte. Aínda que nesta xuntanza se produciron pequenos achegamentos, non foron suficientes para desconvocar o paro “porque non houbo compromisos firmes nin solucións suficientes enriba da mesa”.
Lestón lembrou que as principais reivindicacións da CIG-Saúde pasan pola retirada do decreto de modificación horaria dos PAC, o reforzo do persoal en todas as categorías, límites reais á sobrecarga asistencial -tanto en atención ordinaria como en PAC-, a mellora das condicións laborais e retributivas, reducir a burocracia e aumentar o tempo para atender ás persoas doentes, así como rebaixar a xornada obrigatoria nos puntos de atención continuada.
Porén, malia a crítica situación da Atención Primaria, a Consellaría adía a posta en marcha de calquera medida até contar coas conclusións deses grupos de traballo nos que as centrais sindicais non teñen representación, “que non sabemos cando nos presentarán na Mesa Sectorial e dos que non temos información dos datos que están a analizar”.
Neste contexto, Lestón incidiu en que “queda moito por facer na Atención Primaria para reverter os problemas xerados polas políticas de abandono e desmantelamento que a Xunta leva anos aplicando”. A secretaria nacional da CIG-Saúde puxo énfase no malestar “xeneralizado e profundo” que se estende a todas as categorías profesionais, pois son “quen realmente, día tras día, saca adiante a atención nos centros de saúde e nos PAC con profesionalidade e compromiso”.
Destacou que non se trata dun problema menor, senón “que estamos ante unha situación que pon en risco o futuro da Atención Primaria”. Por iso, reiterou a disposición da CIG-Saúde a negociar e chegar aos acordos necesarios, mais advertiu que “seguiremos presionando e defendendo coa mobilización unhas condicións de traballo dignas e por unha atención de calidade á cidadanía”.