CIG-Saúde esixe unha negociación retributiva real para todo o persoal da sanidade pública

Denuncia que o SERGAS impón as súas decisións na Mesa Sectorial e reclama que as melloras salariais para todas as categorías teñan reflexo nos orzamentos
Nacional - 18 Set 2026

A carestía da vida continúa reducindo o valor real dos salarios. A isto súmase o acordo salarial estatal 2025-2028, pactado por CCOO, UGT e CSIF, que a CIG rexeita porque non garante a recuperación do poder adquisitivo perdido nin vincula plenamente os salarios á evolución do IPC. Por iso, a CIG-Saúde defendeu, na mesa sectorial celebrada este 18 de setembro, a necesidade de abrir unha negociación retributiva real para todo o persoal que traballa na sanidade pública.

Esta reivindicación non é nova. CIG-Saúde xa reclamou de cara aos orzamentos de 2025 medidas para recuperar salarios e revisar as retribucións e complementos do persoal do SERGAS. Aquelas demandas non foron atendidas. En 2026, CIG-Saúde volve reiteralas, incorpora novas propostas e esixe que se negocien realmente na Mesa Sectorial e que as melloras acordadas teñan reflexo nos orzamentos.

Porén, fronte á petición dunha negociación para o conxunto do persoal, o SERGAS presentou unha proposta retributiva que afecta unicamente ao persoal residente.

CIG-Saúde defende as melloras retributivas para o persoal residente. O que non acepta é que o SERGAS mellore as condicións dun colectivo mentres mantén o resto das categorías sen unha proposta salarial.

Proposta enganosa

Ademais, a proposta presentada para o persoal residente resulta enganosa: as contías quedarían conxeladas e absorberían as subas salariais que se produzan nos próximos anos, polo que esas actualizacións xerais non se sumarían á mellora agora anunciada.

A medida deriva do acordo de suspensión da folga médica convocada por OMEGA no mes de maio. CIG-Saúde cuestiona que ese acordo determine a política retributiva do SERGAS: OMEGA non representa a todo o persoal médico, non forma parte da Mesa Sectorial e as medidas acordadas nin sequera afectan a todo o persoal médico e facultativo. Ademais, a proposta presentada agora tampouco desenvolve a totalidade dos compromisos recollidos naquela acta.

CIG-Saúde denuncia tamén que na Mesa Sectorial non existe unha negociación real. A Dirección do SERGAS presenta decisións xa tomadas e limita a capacidade das organizacións sindicais para negociar e modificar as propostas.

Para CIG-Saúde, esta forma de actuar responde a unha decisión premeditada da Consellería de Sanidade de evitar unha negociación retributiva global para todo o persoal e abordar as melloras de maneira fragmentada e por colectivos.

CIG-Saúde esixe mudar esta dinámica: negociación real na Mesa Sectorial, acordos retributivos para todas as categorías e dotación económica suficiente nos orzamentos para facelos efectivos.Mellorar as condicións dun colectivo é necesario. Utilizalo para deixar o resto do persoal sen unha negociación retributiva non é aceptable.