CIG-Saúde exixe a Feixóo que aposte por unha Atención Primaria de calidade

Rexeita que o Presidente faga campaña electoral coa saúde da poboación

Nacional -

A CIG-Saúde vén de se dirixir á Directora Xeral de Recursos Humanos do SERGAS en demanda da convocatoria dunha xuntanza da mesa sectorial para abordar a situación de Atención Primaria e demandar do goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza e, nomeadamente, do seu Presidente, que aposten por dotala para garantir a súa máxima calidade. Xunto a isto rexeita que o Presidente da Xunta faga campaña electoral coa saúde da poboación.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín advirte que “a Atención Primaria vai ser a garante dunha prestación sanitaria de calidade no COVID-19, pese ás medidas de desmantelamento do goberno da Xunta de Galiza, como xa o é no resto de atención á saúde da poboación”.

Denuncia que porén, “Feixóo, agora, para a atención do COVID, presenta unha serie de medidas que afondan na súa precarización, sen achegar as solucións que a Atención Primaria necesita”.

Lembra que desde CIG-Saúde  vense demandando a  negociación na Mesa Sectorial dun Plano de Ordenación de recursos humanos que identifique as necesidades de persoal na Atención Primaria, para cubrir estas prazas con persoal estable. Fronte a isto Abuín denuncia que a alternativa que pon Feixóo sobre a mesa é “facer contratos por días e non vínculos de longa duración que consolidan a precariedade”. Contratos que, asegura, “son rexeitados por todas e todos os profesionais”.

Conclusións dos grupos de traballo de Atención Primaria

Xunto a isto, a CIG-Saúde demanda que se publiquen as conclusións dos grupos de traballo de Atención Primaria conformados por persoal da sanidade pública, sobre todo no referido ao mapa de competencias de todos os grupos profesionais: médicas/os, enfermeiras/os, matronas, fisioterapeutas, PSX, TCAEs, traballadoras/es sociais, odontólogas/os, hixienistas e demais e os protocolos de relación primaria-hospital…

Tamén respecto desta cuestión denuncia que en lugar de ter en conta as conclusións, o que fai Feixóo é anunciar que se van implementar protocolos de relación primaria-hospital e o incremento horario dos centros de saúde, “cando moitos deles xa teñen unha prestación de servizo até as 21:00 horas”, asegura Abuín que, ante isto, se pregunta se a pretensión do presidente da Xunta e “crear unha quenda nocturna”.

A CIG-Saúde reitera ademais a necesidade de incorporar, no ámbito de atención primaria, a profesionais de todos os colectivos necesarios para garantir unha asistencia sanitaria integral, como psicólogos/as clínicos/as -máis nunha situación como esta, na que por mor do confinamento e da crise económica derivada desta as doenzas psicolóxicas se incrementan-, terapeutas ocupacionais e outros.

Partidas orzamentarias

A secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que do que non fala Feixóo “é de dotar á Atención Primaria do orzamento necesario para que poida desenvolver a súa actividade, ofrecendo a asistencia sanitaria que as/os profesionais queren dar á poboación”. Como tampouco fai referencia algunha á necesidade de crear unha Xerencia de Atención Primaria ou da súa estrutura directiva, para “facer a planificación sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da poboación, que lles permita dotar este nivel de asistencia das/os profesionais necesarios”.

Por iso a CIG-Saúde reitera a súa demanda de que se escoite as/os profesionais, que cumpran coas súas obrigas legais de negociar na Mesa Sectorial do SERGAS os cambios de condicións de traballo do persoal e que se elabore un verdadeiro plan de atención primaria atendendo ás conclusións das/os grupos de expertos. “Todas as novas anunciadas por Feixóo fan parte da súa campaña electoral e non achegan ningunha solución ás demandas das/os profesionais”, conclúe Abuín.

Volver