A CIG-Saúde chama a secundar a folga na Atención Primaria do 12 de marzo en demanda de solucións reais e urxentes

A central sindical ten convocada tamén para ese día unha mobilización na Consellaría de Sanidade, ás 11 horas
Nacional - 09 Mar 2026

A CIG-Saúde fai un chamamento ao conxunto das traballadoras e dos traballadores da Atención Primaria a que participen na xornada de folga convocada para este xoves, 12 de marzo, para denunciar a situación límite que atravesa este nivel asistencial do sistema sanitario público galego.

No marco desta xornada de folga, a central sindical realizará unha mobilización en Santiago de Compostela, ás 11:00 horas, que percorrerá o perímetro da Consellaría de Sanidade (complexo administrativo de San Lázaro) para visibilizar o malestar do persoal e esixir solucións reais e inmediatas.

A CIG-Saúde insiste en que defender a Atención Primaria é defender a sanidade pública e fai un chamamento á participación nesta mobilización tanto do persoal da Atención Primaria como da cidadanía co obxectivo de reclamar un sistema sanitario público forte e con recursos.

A central sindical leva meses advertindo do deterioro continuado da Atención Primaria, marcado pola sobrecarga asistencial, a falta de profesionais, o incremento da burocracia e a ausencia de planificación por parte da Consellaría de Sanidade. Esta situación está a repercutir directamente tanto nas condicións laborais do persoal como na calidade da atención que se presta á cidadanía.

Diante da falta de respostas e de medidas efectivas por parte da administración sanitaria, a CIG-Saúde decidiu convocar esta xornada de folga para reclamar actuacións urxentes que garantan unha Atención Primaria pública, digna e con recursos suficientes.

Entre as principais reivindicacións destacan:

  • Limitación das axendas asistenciais e redución da sobrecarga de traballo.
  • Incorporación de máis persoal en todas as categorías profesionais.
  • Eliminación da burocracia innecesaria que resta tempo á atención ás persoas pacientes.
  • Definición de ratios adecuadas de profesionais e unha planificación real da organización dos centros de saúde e dos PAC.
  • Medidas estruturais que garantan a sustentabilidade da Atención Primaria.