Maquillaxe orzamentaria do SERGAS: vende como prazas novas a reconversión das xa existentes
A análise das contas de 2027 desmonta o anuncio de 357 novas prazas e evidencia que a Xunta presenta transformacións e amortizacións como creación de emprego na sanidade pública
A CIG-Saúde denuncia que o anunciado incremento de persoal do SERGAS para o ano 2027 non se corresponde coa realidade que reflicten os orzamentos. A comparación entre as contas de 2026 e o anteproxecto de 2027 revela que a Administración mestura prazas de nova creación con transformacións de postos xa existentes, ofrecendo unha imaxe de crecemento que non se corresponde co incremento real dos cadros de persoal.
O SERGAS anunciou a creación de 357 novas prazas para 2027, pero a documentación orzamentaria só recolle 293 das anunciadas e, ademais, unha parte destas prazas non supón un aumento efectivo de persoal, senón a reconversión ou amortización doutras xa existentes.
Para a CIG-Saúde estamos ante “unha operación de maquillaxe orzamentaria” coa que a Xunta pretende presentar como reforzo da sanidade pública o que, en numerosos casos, “non é máis que un intercambio de prazas entre categorías”.
Atención Primaria: anúncianse reforzos mentres desaparecen prazas
Un dos exemplos máis evidentes é o de Medicina de Familia. O SERGAS anuncia nove novas prazas, pero a análise conxunta das distintas categorías e vínculos laborais revela unha realidade moi diferente.
Nos orzamentos elimínanse 104 prazas de persoal facultativo especialista en Atención Primaria (FEAP), créanse 127 de Medicina de Familia e amortízanse outras 22 correspondentes a persoal médico funcionario. “O resultado, advirte a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, “é que o incremento real queda reducido a unha única praza de Medicina de Familia para toda Galiza”.
A CIG-Saúde considera especialmente grave que, nun contexto de sobrecarga asistencial e dificultades para garantir a atención á poboación, a Xunta pretenda presentar estas reconversións como unha resposta ás necesidades da Atención Primaria.
A situación repítese noutras categorías:
- Persoal de Servizos Xerais (PSX): as 15 prazas anunciadas como novas, vinculadas á consolidación e ao Plan funcional dos PAC, son realmente reconversións de prazas de persoal celador, auxiliar administrativo e telefonista.
- Matronas: lonxe de incrementarse o cadro de persoal, os orzamentos reflicten unha perda de 12 prazas en Atención Primaria. Ademais, non se recolle a reclasificación de todas as prazas á zona básica 3 anunciada na Mesa Sectorial.
- Enfermaría: a creación de prazas de enfermaría especialista está acompañada da transformación de prazas de enfermaría xa existentes. A pesar de que o SERGAS presenta sete prazas de especialista como novas, os orzamentos reflicten unha perda de oito prazas de enfermaría en Atención Primaria.
- Traballo social: mentres se comunica un incremento de prazas no ámbito hospitalario, en Atención Primaria prodúcese unha perda de postos en cómputo global.
Lestón asevera que “non se pode falar de reforzar a Atención Primaria cando o incremento dunha categoría se consegue facendo desaparecer prazas doutra”.
Nos hospitais tamén se maquillan as cifras
A análise do persoal hospitalario confirma que esta práctica non se limita á Atención Primaria. No caso da enfermaría, o SERGAS presenta como novas creacións prazas que proceden da transformación doutras existentes.
Así, xunto ás 30 novas prazas de enfermaría especialista anunciadas, outras 20 corresponden á reconversión de prazas de enfermaría. Do mesmo xeito, das prazas desta categoría de servizos centrais, 34 proceden da transformación de postos de unidades hospitalarias.
O resultado é especialmente significativo: nas prazas de enfermaría de unidade hospitalaria non existe ningún incremento, xa que 59 se transforman e outras 20 desaparecen.
Esta situación tamén se observa noutras categorías:
- TCAE: anúncianse 32 novas prazas, pero o incremento orzamentario en Atención Hospitalaria é de só 25.
- Persoal celador: o SERGAS informa de tres novas prazas, mentres que os orzamentos reflicten unha perda de tres respecto de 2026.
- Grupo administrativo C1: continúa a eliminación de prazas desta categoría.
- Podoloxía: as 14 prazas anunciadas non aparecen recollidas nos orzamentos de 2027.
No caso de Traballo Social, CIG-Saúde tamén chama a atención sobre a insuficiente dotación hospitalaria en áreas como Lugo e Ourense que, malia contar cada unha con tres distritos e tres hospitais, terán unicamente 13 e 15 prazas, respectivamente.
A central esixe transparencia e un incremento real dos cadros de persoal
A CIG-Saúde denuncia que a Xunta utiliza estas operacións para maquillar os orzamentos e reclama información clara que permita distinguir as prazas realmente novas das reconversións, pois “transformar ou amortizar prazas para crear outras non supón incrementar o persoal da sanidade pública”.
Neste senso, esixe que os orzamentos garantan un aumento efectivo dos cadros de persoal, acorde coas necesidades dos centros sanitarios. “A Xunta non pode seguir xogando aos trileiros cos orzamentos: anuncia novas prazas, move as existentes dun lado para outro e pretende vender o resultado como un reforzo da sanidade pública”, censura Ana Lestón, quen insiste en que o sistema sanitario público “necesita máis persoal, non máis maquillaxe orzamentaria”.