A CIG-Saúde chama á mobilización este xoves diante da "situación límite" da Atención Primaria
A CIG-Saúde intensifica o seu calendario de protestas cunha nova xornada de folga na Atención Primaria este xoves, 9 de abril. O sindicato convoca a todo o persoal da Atención Primaria a participar na folga e nunha concentración ás 11:00 horas diante do edificio administrativo da Xunta (San Caetano), na entrada da rúa Anxo Casal, para recordarlle ao presidente Alfonso Rueda que é a súa responsabilidade garantir un sistema sanitario público con recursos, condicións de traballo dignas e unha atención de calidade á cidadanía.
A CIG-Saúde denuncia que a sobrecarga asistencial, a falta crónica de persoal e unha xestión ineficiente están a repercutir directamente na saúde dos e das profesionais e na calidade da atención que se presta á cidadanía.
Reivindicacións e medidas estruturais
A folga do día 9 de abril, que terá continuidade o día 23, fundamentase nunha serie de demandas urxentes:
- Mellora da organización e xestión, dotando a Atención Primaria de maior autonomía e reducindo a burocracia innecesaria.
- Incremento de persoal en todas as categorías, estabelecendo ratios axeitadas segundo a poboación e garantindo equipos completos en todos os centros.
- Limitación da sobrecarga asistencial, fixando un máximo de pacientes por profesional (30 en medicina de familia e 20 en pediatría) e regulando as axendas para asegurar unha atención de calidade.
- Melloras nas condicións laborais e retributivas, incluíndo un novo modelo salarial, o pago das intersubstitucións e a dignificación das condicións do persoal dos PAC e das áreas administrativas.
- Regulación da xornada laboral e da cobertura asistencial, mellorando os horarios, reducindo cargas excesivas e organizando a atención en sábados e festivos.
- Garantías no sistema sanitario público, evitando a contratación sen especialidade e planificando adecuadamente os recursos humanos.
Chamamento á acción
A CIG-Saúde considera imprescindíbel a participación activa de todos os traballadores e traballadoras da Atención Primaria para obrigar o presidente da Xunta a asumir as súas responsabilidades e obrigar a Consellaría de Sanidade a abandonar a pasividade e sentar a negociar "solucións reais e estruturais" que garantan o futuro da Atención Primaria galega.