CIG-Saúde mobilízase en Ferrol contra o protocolo XIDE e para demandar máis persoal na Atención Primaria

Ferrol - 19 Abr 2023

A CIG-Saúde de Ferrol realizou na tarde deste martes unha concentración diante do Ambulatorio Fontenla Maristany en demanda de máis persoal para a Atención Primaria, nomeadamente persoal de administración, e para rexeitar o protoloco XIDE implantado polo SERGAS. Un protocolo, denuncian, que "está a deshumanizar a atención sanitaria" e que ademais vulnera o dereito á privacidade e á confidencialidade das persoas usuarias.

Na concentración, na que participou persoal da sanidade e usuarias/os, lembrouse que o SERGAS vén de aplicar unha actualización do programa de citación chamado XIDE. Con dita actualización o que pretende é que o persoal administrativo de Atención Primaria, para dar unha cita, "utilice, si ou si, dito programa, en vez de seguilo a facer co programa anterior".

Dende a CIG-Saúde denunciouse en numerosas ocasións que con este modelo se está a vulnerar a confidencialidade das e dos pacientes, xa que teñen que contarlle ao persoal administrativo, nun mostrador que adoita estar abarrotado de xente e no que se escoita todo, que é o que lles pasa.

Pero a resposta do SERGAS foi "pór no chan unhas pegatinas separadas  por un metro de distancia coa idea de que, de pegatina a pegatina, non se escoitara. Nin que estiveran feitas dun material supersónico que anulara o son!", salientan.

O SERGAS insta a "facer trampa" ao programa

Como se continuaban a vulnerar o dereito á intimidade dos e das doentes, o SERGAS instou o persoal administrativo a que fixera a trampa de pór “ausencia de motivo”. "Pídenos que mintamos, que enganemos o programa, en vez de recoñecer que o programa non serve máis que para sobrecargarnos, que require cinco veces máis tempo para dar unha cita que co anterior programa", alerta a CIG-Saúde.

Mais o que a administración non di é que ao pór "ausencia de motivo", a cita que sairá será telefónica, "en 7, 10 ou 15 días dependendo da lista de espera do médico ou médica".

A CIG-Saúde subliña que unha ferramenta que hai que trampear non pode ser en ningún caso unha ferramenta útil e por iso cuestiónanse quen saca rendemento económico deste programa que vulnera os dereitos das persoas usuarias e supón un atranco na prestación do servizo.

"O SERGAS gastou os cartos en poñer nos centros unhas máquinas para sacar un papel e así non chamar as usuarias e usuarios polo seu nome, porque disque vulneraban a lei de protección de datos dicindo o nome da paciente; pero non vulneraran ningunha norma preguntando diante quen queira escoitar que lle ocorre á persoa usuaria?".

Agora, para máis abundar, o SERGAS anuncia a posibilidade de poñer outras máquinas tipo “caixeiro automático” para que as usuarias poidan contarlle que lles pasa. Unha solución que para a CIG-Saúde de Ferrol supón afondar na fenda dixital, despersonaliza a sanidade pública e segue o camiño da banca que pechou oficinas e servizos, despediu persoal "e agora todo se fai dende os caixeiros. Ese é o futuro que queremos para a nosa Atención Primaria: convertela nun banco?", inquiren.

Unha triaxe encuberta

Critican que o SERGAS vende o XIDE como unha ferramenta de derivación de doentes, "mais na realidade trátase dunha triaxe encuberta, pois non se trata de dirixir a demanda ao profesional que poida resolvela, iso xa o sabiamos facer antes, o que fai  o XIDE é asignar unha prioridade de atención aos/ás doentes. En dúas palabras: unha triaxe".

Neste senso, advirten que risco que conleva para as persoas doentes deixar en mans dun programa informático decidir se requiren atención urxente ou se poden agardar. Consideran temerario o uso desta ferramenta que carga dunha enorme responsabilidade ao persoal administrativo

"Sempre que denunciamos o deterioro de Atención Primaria atopámonos coa mesma resposta: que se non hai persoal médico, pediatra, de enfermería... pero o persoal administrativo tamén forma parte do equipo de Atención Primaria", apuntan.

A este respecto, CIG-Saúde de Ferrol salienta que o persoal de xestión e servizos "pode facer moito traballo" para axudar a aliviar a saturación da Atención Primaria, pero eses traballos non poden pasar por saturar a estas compañeiras e compañeiros, porque "destas categorías,  si existe paro, si poden aumentar os cadros, pero non o fan".