CIG-Saúde Monforte critica que a directora lle ofreza a 2 especialistas ir traballar a outro hospital
A CIG-Saúde no Hospital de Monforte denuncia que a directora do centro lle ofrecera a dous especialistas ir traballar ao Barco cando o hospital ten déficit de profesionais. A representación da CIG cualifica estes feitos "de gravísimos", pois "xa non é só que non se contrate especialistas para este hospital, senón que os invita a marchar".
Dous especialistas que, engaden, "son grandes traballadores e que están contentos neste hospital". Subliñan que non se pode consentir este tipo de propostas para ir a outro hospital, "cando custa tanto traballo contratar especialistas para Monforte".
Lembran que ao acceder ao cargo, a directora fartouse de dicir que ía defender o hospital, apelando a ser veciña da zona como garantía do seu compromiso. "Pois polo que vemos, o único que busca é engordar currículo para as súas aspiracións persoais, cedende ás presións de Lugo".
Fronte a isto, a CIG-Saúde reclámalle que "busque os/as especialistas que nos faltan (neuroloxía, cardioloxía, dixestivo etc.) e faga o favor de defender ao persoal que temos".
Recorte de persoal médico no centro de saúde de Pantón
Por outra banda, a CIG-Saúde de Monforte considera un "engano" a reunión mantida entre o xerente da EOXI e o alcalde de Pantón a respecto das carencias do centro de saúde deste municipio, "xa que ao final o SERGAS non vai cubrir a praza de médico/a". Advirten que só se vai cubrir puntualmente,"é dicir, virá alguén de cando en vez, que ao mellor nin é a mesma persoa, e dentro dun tempo, deixará de vir", advirten.
Lembran que neste centro de saúde había catro médicos/as até o mes de marzo, data na que marchou un dos profesionais e a praza amortizada. "Agora marcha outra e tampouco se cubre, co que darán só dous médicos/as", para atender unha poboación que no 67% dos casos supera os 65 anos e que está moi dispersa.
"Até o de agora os tres médicos que quedaban tiñan de media 30 pacientes diarios, ao quedar so dous, as consultas incrementaranse co prexuízo que isto lles causará tanto a pacientes coma a traballadores e traballadoras do centro".