CIG-Saúde Monforte alerta do novo paso "para rematar co noso hospital" tras da eliminación da Subdirección de Xestión

Increméntase así a dependencia do HULA na toma de decisións
Monforte - 04 Nov 2019

A sección sindical de CIG-Saúde no Hospital Comarcal de Monforte advirte que a eliminación da Subdirección de Xestión no hospital “supón un paso máis na nosa dependencia de Lugo”. A partir de agora, explican, toda a xestión pasará a levarse dende o HULA “quedando Monforte sempre a expensas do que alí decidan”.

Deste xeito, o único persoal directivo que quedará en Monforte, será o Xerente Executivo e a Subdirectora de Enfermería.

“A figura do Subdirector de Xestión, aparte de xestionar os cartos e as obras que se produciran no hospital, era tamén a encargada do persoal non sanitario; polo tanto, calquera problema que xurda teremos que tratalo en Lugo coa dificultade que isto supón”.

Dende a CIG-Saúde xa denunciaron, no momento no que aprobou o Decreto de Xestión Integrada, que unha das cuestións que se contemplaba nesa norma era a desaparición das subdireccións de xestión dos hospitais comarcais. “Chamáronnos alarmistas pero ao final, por desgraza cumpriuse o que nós diciamos. Outro pasiño máis para rematar co noso hospital”.