CIG-Saúde non avalará coa súa presenza na entrega das Medallas de Galiza a política de recortes e precarización da Xunta

A Federación salienta o traballo realizado polo persoal sanitario para minimizar os recortes na sanidade
Nacional - 23 Xul 2021

A CIG-SAÚDE congratúlase co feito de que o persoal da sanidade pública reciba a Medalla de Galiza, xa que estas representan o agradecemento público á  prestación de servizo, non só durante a pandemia de Covid-19, senón o resto dos 365 días de todos os anos.

Ao tempo, sinalan, o persoal da sanidade tamén quere agradecer o comportamento da sociedade galega, e lamenta non poder ofrecer unha asistencia "máis en consonancia coas necesidades sanitarias da poboación. Mais queremos que a sociedade saiba que as e os profesionais poñen todo o seu esforzo e traballo para  intentar minimizar os recortes que o Goberno fai na sanidade pública".

A CIG-Saúde reitera os parabéns a todas e todos os profesionais, pero aclara que esta organización sindical rexeita a invitación a participar no acto de entrega das medallas. "Non podemos participar nun acto dun Goberno que só practica políticas de xestos, co gallo dun maior beneficio político do presidente da Xunta, o Sr. Feixóo".

A Federación de Saúde da CIG non avalará coa súa participación neste acto as políticas de persoal que exerce a Xunta coas/os traballadoras/es da sanidade pública e que se traducen en:

- percibir  unhas retribucións inferiores ao resto de empregadas e empregados públicos.

- un cadro de persoal recortado que sobrecarga o traballo das/os profesionais.

- a denegación continua  dos permisos de conciliación familiar.

- contratacións en precario con alta taxa de eventualidade, etc.

"Sr Feixóo as Medallas de Galiza son o recoñecemento do pobo galego ao persoal da sanidade, non é o seu recoñecemento nin o do seu Goberno. Cando van devolver os dereitos laborais e retributivos ao persoal da sanidade?", inquire CIG-Saúde. "Agardamos que  no acto da entrega de medallas faga un discurso institucional, sen utilizar ao persoal da sanidade no seu beneficio persoal".