CIG-Saúde reclama un Estatuto Marco cunha cualificación profesional con retribucións dignas e o dereito á xubilación anticipada
Delegadas e delegados da CIG-Saúde concentráronse este xoves diante da Delegación do Goberno en Galiza en demanda dun Estatuto Marco que responda ás necesidades actuais e futuras da sanidade pública e das persoas que traballan nela. A CIG-Saúde, como organización presente na mesa de negociación, advertiu que non apoiará unha reforma “que lexitime a precariedade” e demanda que o novo texto recolla unha clasificación profesional xusta con retribucións dignas, o recoñecemento do dereito á xubilación anticipada e parcial para o persoal da sanidade e a xornada laboral máxima de 35 horas á semana.
Tras case tres anos de negociacións, o Ministerio de Sanidade pretende pechar o texto do novo Estatuto Marco neste o mes de xullo, cunha redacción en varios aspectos cruciais que para a CIG-Saúde resulta imprescindíbel modificar antes de remitir o documento ao Congreso para a súa tramitación.
A primeira destas cuestións, explicou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, é ligar a nova clasificación profesional a un cambio no modelo retributivo equiparado co Estatuto Básico do persoal Empregado Público (EBEP). Criticou que o Ministerio aposte por cambiar a nomenclatura pero sen a actualización salarial que correspondería do salario base e dos trienios.
“Hai categorías profesionais que levan anos mal clasificadas e mal retribuídas, como por exemplo o persoal Técnico Superior Sanitario, e o novo Estatuto Marco non pode aprobarse mantendo esta discriminación”, afirmou. Fronte á postura do Ministerio, Moreira reivindicou retribucións xustas acordes cos criterios de titulación exixidos para acceder ás categorías e ás responsabilidades atribuídas.
Xubilación anticipada e xornada máxima nas 35 horas
Outra cuestión fundamental que debe incluír expresamente o Estatuto Marco refírese á regulación básica da xubilación voluntaria total, parcial e anticipada, que Sanidade quere negociar no ámbito do “diálogo social” só con UGT e CCOO e sen ningún tipo de data nin garantías. “Queremos que se recoñeza o dereito á xubilación para as traballadoras e traballadores da sanidade maiores de 60 anos e con longas vidas laborais de máis de 40 anos de cotización”.
O secretario nacional da CIG-Saúde apunta que nesta circunstancia atópanse colectivos laborais maioritariamente compostos por mulleres, que teñen que realizar quendas rotatorias de mañá, tarde e noite e que soportan unha elevada carga física e mental. “Entendemos que tamén é bo para o sistema sanitario que se poidan xubilar antes para que entre poboación nova que achegue máis dinamismo ao cadro de persoal. Esta medida é factíbel porque hai categorías que non son deficitarias en persoal e ademais suporía un incentivo para facer máis atractivo traballar na sanidade pública”, subliñou.
A terceira demanda da CIG refírese á xornada laboral de 35 horas recoñecida no Estatuto Marco. O ámbito estatal non define as xornadas de traballo de toda as categorías profesionais, xa que é competencia de cada sistema autonómico, pero estabelece os límites máximos de xornada, sobre todo vinculados á prevención de riscos laborais. “Ten que rematar que haxa profesionais que teñen que facer horas a maiores en forma de gardas ou prolongacións que supoñen dobrar a xornada”, aseverou Moreira.
Fronte a este modelo de organización, defendeu dotar á sanidade pública dos recursos humanos necesarios “para que as e os profesionais poidan traballar sen que se vexa afectada a súa saúde laboral e para mellorar a calidade do servizo que se presta á cidadanía”.
Moreira concluíu que por estes motivos a CIG non pode apoiar o novo Estatuto Marco e reclámalle ao Ministerio de Sanidade que mude a súa posición con respecto a estes tres aspectos fundamentais.