CIG-Saúde reúnese coa ministra para trasladarlle a súa posición ante os retos da sanidade pública

Nacional - 17 Mai 2024

A CIG-Saúde mantivo no día de onte, 16 de maio, unha reunión telemática coa ministra de Sanidade, Mónica García, na que lle trasladou a súa posición diante dos retos inmediatos aos que se enfronta a sanidade pública. A CIG-Saúde, en base á representación obtida no Servizo Galego de Saúde, participa no ámbito de negociación estatal, no que se está a producir a negociación do novo Estatuto Marco.

Na reunión estiveron presentes o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, a secretaria de Organización, Ana Belén Lestón, e as membros da Executiva Nacional Lucía Peón e Irene Tato.

A representación de CIG-Saúde trasladoulle á ministra de Sanidade, entre outros, os seguintes temas:

Defensa da sanidade pública      

A liña sindical de CIG-Saúde está marcada pola defensa sen concesións da sanidade pública e das condicións laborais das persoas que traballan nela, que son a base dun servizo público universal e de calidade.

CIG-Saúde considera necesaria a elaboración dun plan de choque para a consolidación duns servizos públicos o suficientemente robustos para que non dependan da vontade cambiante dos dirixentes políticos de cada administración, que permitan asegurar o acceso universal aos mesmos en igualdade de condicións e que transmitan á cidadanía unha sensación de seguridade que na actualidade non percibe.

Desde CIG-Saúde cominan ao actual goberno a que asuma a súa responsabilidade de devolver a credibilidade no público fronte á lóxica do mercado.

CIG-Saúde sauda o inicio da consulta pública da futura Lei de Xestión Pública e Integridade do Sistema Nacional de Saúde, que acaba coa Lei 15/1997 que habilitaba novas formas de xestión, pero cremos que hai un aspecto non contemplado no obxectivo da norma, a defensa da dedicación exclusiva á sanidade pública.

Negociación do Estatuto Marco

Neste contexto, CIG-Saúde considera prioritaria a negociación dun novo Estatuto Marco que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario público, recoñeza as súas singularidades e impida a súa privatización.

CIG-Saúde defende que a negociación dun novo Estatuto Marco debe dar unha resposta real á situación do persoal da sanidade pública, con condicións propias e específicas, polo que debe incluír necesariamente, entre outros, os seguintes temas:

  • Cambio de denominación: Sistema Estatal de Saúde.
  • Sistema identificativo de prazas.
  • Sistema de información transparente que nos permita realizar comparacións globais das condicións de traballo entre os diferentes servizos de saúde.
  • Norma básica de carreira profesional para todo o persoal estatutario tanto fixo como temporal, que se aplique ao persoal laboral e funcionario.
  • Norma básica sobre permisos e licenzas e sobre conciliación laboral e familiar.
  • Revisión das titulacións, mapas de competencias e clasificación das distintas categorías, adaptando os grupos profesionais ás nosas necesidades.
  • Xubilación parcial e anticipada, negociada no Ámbito de Negociación.
  • E todo isto co máximo respecto ás competencias propias de cada servizo de saúde.

Atención Primaria           

Entre as prioridades que CIG-Saúde considera urxente abordar está a situación da Atención Primaria, que precisa dun auténtico plan de choque que contemple a posta en valor das persoas que traballan nela, mellorando as súas condicións de traballo e planificando as necesidades actuais e futuras de profesionais de todas as categorías profesionais actualmente presentes na Atención Primaria e as que se decidan incorporar no futuro.

Para poder abordar as medidas necesarias para a sanidade pública, necesitamos contar con profesionais formados polo que é urxente realizar unha planificación realista das necesidades de profesionais, a curto, medio e longo prazo, incrementando as prazas de formación sanitaria especializada, sempre garantíndose a calidade formativa. Para conseguilo é preciso incentivar e poñer en valor a figura das titoras e titores que son o eixo fundamental do noso sistema de formación.

Eliminación da taxa de reposición            

CIG-Saúde demanda, tamén, a eliminación da taxa de reposición, o que permitiría a adecuación dos cadros de persoal ás necesidades reais dos servizos de saúde e poder realizar unhas OPE que respondan as necesidades reais do sistema sanitario público, e que permitan abordar dunha maneira real a consolidación do emprego precario acumulado por anos de precariedade e fraudes na contratación.

A taxa de reposición de efectivos, utilizada por distintos gobernos estes últimos 12 anos co argumento de reducir o gasto público, só serviu para desmantelar os servizos públicos, introducir a lóxica do mercado e o beneficio privado na atención ás necesidades básicas das persoas e para precarizar as condicións laborais das persoas empregadas públicas, incrementando a inestabilidade laboral.

Especialidades de Enfermería     

CIG-Saúde manifestou a Ministra a súa reocupación polo desenvolvemento das especialidades de enfermería. Sabemos que as competencias de creación e implantación das categorías é das comunidades autónomas, pero hai un tema que depende do Ministerio, a definición das especialidades, especialmente polo tema da especialidade de enfermería de coidados médico-cirúrxicos, que CIG-Saúde entende que non se adapta ás necesidades reais do sistema sanitario.

Colexiación Obrigatoria

CIG-Saúde defende, diante da Ministra, a colexiación voluntaria na sanidade pública.