CIG-Saúde rexeita o acordo sobre o último texto do Estatuto Marco proposto polo Ministerio de Sanidade

Nacional - 26 Xan 2026

A CIG-Saúde xa trasladou o seu rexeitamento ao novo Estatuto Marco despois de que a Ministra de Sanidade manifestara a súa negativa a introducir modificacións substanciais no último texto. Tras máis de tres anos de negociacións, múltiples mesas de traballo e un importante esforzo por parte das organizacións sindicais, o texto presentado non cumpre cos obxectivos marcados por CIG-Saúde.

No referente á xubilación, o novo Estatuto recolle a xubilación parcial pero sen garantir a súa aplicación, e a xubilación anticipada queda supeditada a futuros cambios legais dependentes da vontade doutros ministerios e a unha futura negociación dos coeficientes redutores. Polo que para CIG-Saúde é inaceptábel deixar no aire a xubilación parcial e anticipada, que é unha débeda histórica para o persoal da sanidade pública.

En relación coa clasificación profesional, a CIG-Saúde valora positivamente o resultado da negociación no plano administrativo, pero rexeita de maneira rotunda que esta non vaia acompañada de melloras retributivas. O persoal dos servizos de saúde leva anos mal clasificado, mesmo por debaixo do establecido no EBEP, “e esta era unha oportunidade para corrixir esta situación de forma integral. Non podemos aceptar unha clasificación correcta só no papel, sen impacto real nos salarios. Non imos seguir renunciando ao que é noso”.

A Ministra volveu propoñer adiar a cuestión das retribucións a un hipotético acordo futuro, que ademais debería ser ratificado polo Goberno, sen datas nin garantías sobre a súa aplicación. Para CIG-Saúde, esta proposta é inaceptábel, xa que suporía un simple cambio de nomenclatura sen efectos reais para o persoal.

No caso do persoal de investigación, CIG-Saúde presentou unha ampla batería de propostas que non foron recollidas no texto final. O obxectivo da organización é avanzar en dereitos e estabilidade para este colectivo, algo que tampouco se ve reflectido no actual Estatuto Marco.

Así mesmo, a regulación da xornada laboral segue a ser confusa, e aínda que se recollen propostas que melloran  a súa regulación básica, seguen quedando aspectos que non responden as demandas das profesionais, como as gardas localizadas que continúan sen ter impacto nin na xornada nin nos descansos do persoal, deixando esta cuestión para futuras negociacións nas Mesas Sectoriais, pero sen establecer criterios mínimos comúns.

A CIG-Saúde rexeita este acordo sobre o texto do novo Estatuto Marco xa que non cumpre coas condicións exixidas en aspectos tan importantes como xubilación, retribucións e xornada.