CIG-Saúde rexeita o novo borrador do Estatuto Marco proposto polo Ministerio de Sanidade
A CIG-Saúde manifestou, na reunión da Mesa de Negociación que tivo lugar onte luns, o seu rexeitamento frontal ao novo borrador do Estatuto Marco remitido polo Ministerio de Sanidade, ao considerar que non incorpora os aspectos fundamentais que a central sindical leva tempo reclamando.
En concreto, CIG-Saúde denuncia que o documento ignora dúas reivindicacións claves:
- Unha nova clasificación profesional que inclúa un sistema retributivo xusto, partindo de que o salario base e os trienios sexan, como mínimo, equivalentes aos estabelecidos para as categorías da función pública no EBEP (Estatuto Básico do Persoal Empregado Público).
- O recoñecemento do dereito á xubilación parcial e anticipada para o persoal que traballa na sanidade pública.
No que respecta ao sistema retributivo, o Ministerio adía a negociación sen garantir que esta se vaia materializar, ao tempo que insiste en que a nova clasificación profesional non levará aparellado ningún incremento salarial. Ademais, desvincula o persoal da sanidade pública da clasificación xeral do resto do persoal da función pública.
Respecto á xubilación parcial e anticipada, o Ministerio non recoñece o dereito e limita o seu compromiso a elaborar informes e a deixar a cuestión pendente dunha hipotética negociación futura. "Unha mera declaración de intencións sen valor real", segundo sinala a CIG-Saúde.
Un borrador "inaceptábel"
A central sindical deixou claro na reunión celebrada co Ministerio que este borrador é inaceptábel e esixe un novo texto que, cando menos, inclúa estes aspectos básicos para avanzar cara a unhas condicións laborais dignas no ámbito sanitario público.
“Se o Ministerio pensa que pode seguir ignorando as demandas do persoal da sanidade pública está moi equivocado. A CIG-Saúde non vai calar nin recuar até que se garanta xustiza e dignidade para todas as traballadoras e traballadores do sector”, aseveran.