CIG-Saúde rexeita o plan de Rueda para controlar as baixas laborais e denuncia a súa deriva privatizadora

Salientan que son prescricións médicas baseadas en criterios clínicos e rexeita que se pretenda criminalizar as persoas por estar enfermas
Nacional - 11 Abr 2026

A CIG-Saúde manifesta o seu máis firme rexeitamento ao plan anunciado polo presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, para intensificar o control das baixas laborais a través do reforzo do papel das mutuas.

Lembra que as baixas laborais son prescricións médicas baseadas en criterios clínicos e profesionais, non unha decisión arbitraria, e non poden ser tratadas como unha posíbel fraude por defecto. A CIG-Saúde salienta que poñer en cuestión estas baixas supón cuestionar directamente o criterio do persoal médico e, ao mesmo tempo, estigmatizar as persoas doentes, tratándoas como sospeitosas ou mesmo como delincuentes.

Para a CIG-Saúde cómpre ademais desmontar o discurso interesado do Goberno galego e denuncia que a maior duración das baixas laborais “responde á realidade dun sistema sanitario con importantes listas de espera para probas diagnósticas, consultas especializadas e intervencións cirúrxicas. As persoas non permanecen de baixa por vontade propia, senón porque non teñen acceso á atención sanitaria en tempos razonábeis”.

A CIG-Saúde critica que mentres se promove unha política de control e sospeita, non se actúa sobre as causas reais que están detrás das baixas laborais, cando moitas delas teñen a súa orixe en patoloxías músculo-esqueléticas e problemas de saúde mental, directamente relacionados coas condicións laborais, a precariedade e a falta de medidas de prevención. Tamén coa dificultade de acceso á sanidade pública, “mais sobre estes factores estruturais, a Xunta non está a adoptar ningunha medida efectiva”.

Así mesmo, este plan supón un novo paso no desvío de recursos públicos cara ao sector privado. Refórzase o papel das mutuas, ás que se lles asignan máis funcións e financiamento público, mentres se ignora e se está a desmantelar a inspección médica da propia Consellería de Sanidade. Por iso, advirten que se trata dunha decisión política que debilita o sistema público e favorece intereses privados, xa que as mutuas derivan a asistencia cara a centros sanitarios privados.

A CIG-Saúde considera que esta estratexia responde a unha folla de ruta clara: cuestionar dereitos, estigmatizar as persoas traballadoras e avanzar na privatización da sanidade. Fronte a isto, reclama políticas que reforcen o sistema público, que garantan unha atención sanitaria áxil e de calidade, e que actúen sobre as condicións laborais que están na orixe de moitas baixas.