
CIG-Saúde: coidar ás profesionais non é vixiar e limitar as baixas, senón actuar sobre as causas que as producen

A Consellería de Sanidade estabelece un programa con 10 indicadores para medir a calidade do sistema sanitario e o cumprimento da estratexia galega de saúde 2030. Entre os obxectivos do programa está “velar polo coidado e motivación dos profesionais”, subliñando como indicador para medir a mellora da “incapacidade temporal por problemas relacionados con fatiga física e emocional”.
Para a CIG-Saúde, a Consellería volve novamente a anunciar medidas sobre as consecuencias e non sobre a causa, "isto é, limitar as incapacidades temporais e mesmo cuestionalas diante da opinión pública".
É vergoñento que a Consellería non diga a verdade: que ten o persoal da Sanidade Pública nunhas condicións laborais pésimas, que o leva a enfermar"
Advirte que con esta concepción do programa tamén se pon en cuestión o traballo dos/as facultativos/as de Atención Primaria, xa que a incapacidade temporal é unha prescrición médica, "non algo que solicita o/a paciente". "É vergoñento que a Consellería non diga a verdade, que é que ten os/as profesionais da Sanidade Pública nunhas condicións laborais pésimas, algo que os/as leva a enfermar", asevera o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira.
Salienta quen nos centros os/as profesionais están soportando unha carga de traballo altísima, nos hospitais as ratios paciente/profesional están por riba de calquera recomendación ou estudo, e en atención primaria "son sobradamente coñecida as axendas interminábeis que soportan os/as profesionais".
Para reverter esta realidade, a CIG-Saúde leva anos pedindo a negociación dos plans de ordenación de recursos humanos de atención hospitalaria e atención primaria, porque cuns cadros de persoal axeitados "os/as profesionais estarían noutras condicións laborais e con outra saúde".
Moreira critica que a Consellería tampouco está tendo en conta as incapacidades temporais músculo- esqueléticas derivadas do sobreesforzo que fai o persoal pola altísima carga de traballo e a falta de recursos humanos e materiais.
"Lamentamos que a Consellería e o conselleiro de Sanidade entendan que 'coidar' os/as profesionais sexa 'vixiar' e 'limitar' as incapacidades temporais e non actuar sobre as causas que as producen", denuncian.