• Nova

CIG-Saúde denuncia que a unidade de paliativos de Oza está ocupada con doentes de medicina interna

A Coruña - 11 Abr 2023

A CIG-Saúde denuncia a situación precaria da unidade de paliativos do Hospital de Oza, continuamente ocupada con pacientes de medicina interna, o que leva a que non se poidan manter as habitacións individuais para os/as pacientes que precisen coidados paliativos.

Esta situación, advirten, non é puntual, senón que se repite no tempo, "polo que é ficticio a prestación coidados paliativos en habitacións individuais". Explican que actualmente hai 9 habitacións dobradas, das cales 7 están ocupadas cunha persoa que precisa coidados paliativo e outra de medicina interna.

Ademais, a dotación de persoal está prevista para que as habitacións sexan individuais polo que a ocupación desta segunda cama imposibilita que se poidan prestar uns coidados de calidade.

Non hai que perder de vista que os/as pacientes que ingresan nesta unidade son altamente dependentes co que este incremento leva á sobrecarga física do persoal, pero tamén á psíquica, xa que se trata dunha unidade prevista para a atención dos coidados paliativos polo que a carga psicolóxica dos/as profesionais ao non poder dar os coidados necesario é moi elevada.

Ante esta situación, xa denunciada en varias ocasións, a Xerencia mostra pasividade, e continua sen achegar solucións. Diante disto, a CIG-Saúde reclama solucións inmediatas "porque non pode ser que un hospital das características do CHUAC non conte con unha verdadeira unidade de coidados paliativos".