CIG-Servizos alerta da falta continuada de persoal e a sobrecarga asistencial en DomusVi Outeiro de Rei

Dende o pasado mes non se cumpren as presenzas estabelecidas de persoal xerocultor en practicamente ningunha quenda
Outeiro de Rei - 13 Nov 2026

A CIG-Servizos alerta da insostíbel situación laboral e asistencial que se está a dar dende o pasado mes na residencia DomusVi Outeiro de Rei debido á falta continuada de persoal xerocultor. As presenzas estabelecidas e asinadas contemplan 16 persoas traballadoras na quenda de mañá, 13 na quenda de tarde e 3 na quenda de noite. Porén, desde hai aproximadamente 20 días, estas cifras non se están cumprindo practicamente ningún día.

A realidade diaria, informa A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, é de arredor 12 persoas traballadoras pola mañá, entre 7 e 8 pola tarde e, en ocasións, unicamente 2 pola noite.

Esta situación provoca que dúas plantas teñan que ser atendidas por tan só 7 xerocultoras, cando deberían ser 11. “Isto supón que cada profesional teña que atender unha media de 17 ou 18 persoas residentes, fronte ás 12 que corresponderían en condicións habituais”. De feito, o día da folga xeral convocáronse servizos mínimos con máis presenzas que as que leva habendo durante semanas.

Esperas na atención e atrasos no almorzos

A representación da CIG na residencia salienta que “non estamos falando simplemente de traballar con máis presión ou de ter máis tarefas. Estamos falando de persoas maiores dependentes que precisan axuda para todas as actividades básicas da vida diaria: erguerse, asearse, ducharse, vestirse, realizar mobilizacións, acudir ao baño e recibir axuda para alimentarse”.

A falta de persoal provoca esperas na atención, atrasos nos almorzos e dificultades para cumprir os horarios habituais de aseo e ducha. “As persoas traballadoras vémonos obrigadas a correr constantemente para intentar chegar a todo, mentres se seguen producindo novos ingresos de residentes”, advirten.

A este respecto, apuntan que noutras ocasións nas que se produciron problemas similares, a empresa optaba por paralizar temporalmente os ingresos de novas persoas residentes até recuperar unha dotación adecuada de persoal. Porén, actualmente séguense admitindo novos ingresos a pesar de que o cadro de persoal non dispón de efectivos suficientes para garantir unha atención en condicións adecuadas.

A dirección non achega solucións

A situación xa está tendo consecuencias tamén entre o persoal, con varias baixas laborais relacionadas coa sobrecarga de traballo. Aínda que a representación sindical xa trasladou en diversas ocasións a súa preocupación á dirección e á coordinación do centro, “seguimos sen atopar unha solución efectiva. A resposta que recibimos é que se está buscando persoal, pero que non hai traballadoras/es dispoñíbeis”.

A CIG rexeita que se pretenda normalizar traballar baixo mínimos e incide en que non vai tolerar que a responsabilidade pola falta de organización e de persoal recaia “sobre quen está cada día ao pé do canón”.

Por iso, reclámalle á dirección da empresa que tome medidas urxentes, que se cubran as presenzas de persoal estabelecidas, que se valore a paralización de novos ingresos mentres non exista unha dotación suficiente e que se garanta unha atención adecuada ás persoas residentes.

O persoal xerocultor “está canso, decepcionado e profundamente frustrado ao non poder dedicar a cada residente o tempo e a atención que precisa”, asevera a representación da CIG no centro. “Escollemos unha profesión de coidados e queremos exercela con dignidade, profesionalidade e humanidade, pero para iso necesitamos os recursos humanos necesarios”.