• Nova

Concentración na Inspección de Traballo en demanda da paralización da actividade nunha tenda de Zara en obras

Persoal da multinacional cadra cos operarios da obra, incumpríndose a Lei de Prevención
A Coruña - 31 Mar 2021

A CIG-Servizos desenvolveu este mércores unha concentración diante da sede de Inspección de Traballo na Coruña para rexeitar a desidia do organismo e a falta dunha actuación inspectora, malia as reiteradas denuncias realizadas por mor do incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais ao se manter a actividade normal na tenda de Zara da rúa Compostela (na Coruña) mentres se desenvolven obras de remodelación no establecemento.

A CIG-Servizos presentou perante a Inspección a semana pasada, por segunda vez, a demanda de paralización da actividade nesta tenda mentres duraran as obras de reforma integral do establecemento. Advertiu daquela, novamente, que tanto as traballadoras e traballadores da multinacional como a clientela coincidían co persoal da empresa de construción soportando niveis de ruído, po e outros inconvenientes que facían insoportábel o desenvolvemento normal da actividade.

Risco para as traballadoras e a clientela

Segundo explicaron as delegadas de prevención da CIG do comité da provincia da Coruña as obras comezaron o pasado 1 de febreiro. Daquela xa se solicitara nunha xuntanza coa dirección da empresa para pedirlles que pecharan a tenda mentres duraran estes traballos.

Carmiña Naveiro, presidenta do comité e secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos, lembra que diante desta solicitude a empresa alegou que era unha obra menor cando o que se está a facer é unha reforma integral de toda a tenda. “Isto supón un risco tanto para as traballadoras e traballadores da tenda como para as clientas”, advirte.

Explica que o persoal ten que traballar a diario con operarios cruzando continuamente polo medio da tenda, cos uniformes manchados, con todo cheo de po, con maquinaria na man, con cheiro a pintura ou co ruído insoportábel da radial.

Engade ademais que para realizar a obra habilitouse a zona de descanso do persoal como área de traballo de construción o que deixa ás traballadoras e  traballadores da tenda sen un lugar para sequera tomar o bocadillo. Unha circunstancia que se ben supón un risco para todas as persoas aínda é máis grave para as traballadoras en situación especialmente sensíbel.

Naveiro asegura que “nada se sabe da Inspección nin se realizaron algún labor inspector para comprobar esta situación, o que nos resulta moi sorprendente dada a situación que estamos a denunciar”. Por iso, xa adiantou que mentres non haxa unha actuación e se tomen as medidas necesarias por parte da Inspección “seguiremos mobilizándonos”. Así, o luns próximo, 5 de abril, as delegadas/os da CIG volveranse concentrar no mesmo lugar ás 11 horas.

Inditex prima as vendas fronte á seguridade

Lembra que até hai nada Inditex impoñía quendas estanco para evitar posíbeis contaxios por Covid19, o que provocou perdas nos salarios para as traballadoras con redución de xornada, e que, porén, agora non adopta medida algunha cando ese mesmo risco persiste e a el súmanse ademais todos os derivados de traballar en medio dunha obra de construción desta envergadura.

“Clama ao ceo que para Inditex prime as vendas e manteña a tenda aberta para poñela bonita fronte á seguridade, a saúde e a integridade do seu persoal”, di a presidenta do comité.

Por iso, a CIG-Servizos convoca esta concentración, en demanda dunha rápida actuación da Inspección para que se adopten medidas inmediatas e se dea cumprimento á lei de prevención de riscos laborais e para denunciar que a pesar das denuncias presentadas non consta que se teña feito absolutamente nada.