CIG-Servizos condena a agresión sexual sufrida por unha traballadora do SAF de Arteixo e exixir medidas urxentes de protección

Arteixo - 27 Nov 2026

A CIG-Servizos manifesta a súa máis absoluta condena e repulsa ante a agresión sexual sufrida por unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Arteixo. Trátase dun feito gravísimo e intolerábel que volve poñer de manifesto a situación de vulnerabilidade e desprotección á que se enfrontan moitas profesionais que desenvolven o seu labor nos domicilios particulares.

A central trasládalle á traballadora agredida todo seu apoio, solidariedade e acompañamento e incide en que ningunha muller debera sufrir violencia sexual no seu posto de traballo nin ter que poñer en risco a súa integridade física e psicolóxica por exercer a súa profesión.

Esta agresión tampouco é un feito que se poida analizar de maneira illada, pois as traballadoras do SAF están expostas a diferentes formas de violencia no desenvolvemento da súa actividade profesional: agresións sexuais, violencia física, ameazas, insultos, humillacións e violencia verbal. Situacións que, con demasiada frecuencia, permanecen invisibilizadas, ás que non se lles dá resposta, e que non poden seguir asumíndose como parte das condicións habituais deste traballo.

As profesionais do SAF realizan unha tarefa esencial para a sociedade, atendendo persoas maiores, dependentes e persoas en situación de vulnerabilidade. Porén, desenvolven o seu traballo en solitario, en espazos privados e sen os mecanismos de prevención, protección e acompañamento necesarios para garantir a súa seguridade, incluso despois de vivir agresións.

Responsabilidade das administracións

A responsabilidade de garantir a seguridade das traballadoras non só é das empresas concesionarias, senón tamén é das administracións públicas. Por iso, a CIG-Servizos sinala expresamente o Concello de Arteixo e a Xunta de Galiza, que teñen responsabilidades na planificación, organización e garantía deste servizo público.

Especialmente preocupante resulta a negativa da Consellaría de Política Social da Xunta de Galiza a asinar o “Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”, así como o documento de compromiso necesario para garantir a súa aplicación efectiva.

Este protocolo, froito de once meses de traballo e negociación entre administracións, organizacións sindicais, entidades profesionais e patronais, naceu precisamente da necesidade de estabelecer medidas reais de prevención, actuación e protección fronte ás situacións de violencia que sofren as traballadoras do SAF.

A CIG-Servizos considera especialmente grave que a Consellaría de Política Social, competente nesta materia, siga dando as costas a un acordo de consenso que pretende garantir a seguridade e a saúde laboral dun colectivo feminizado na súa totalidade e que realiza o seu traballo en solitario e en condicións de especial vulnerabilidade.

“Non abonda con participar na elaboración dun protocolo nin con facer declaracións públicas sobre a importancia dos coidados. Cómpre asumir compromisos, dotar recursos e garantir os cambios normativos necesarios para que as medidas acordadas se poidan aplicar realmente”, aseveran.

Por iso, a CIG demándalle á Xunta de Galiza que rectifique, asine o documento de compromiso e asuma a súa responsabilidade na protección das traballadoras do SAF.

Diante desta nova agresión, a CIG-Servizos exixe:

- Ao Concello de Arteixo, que actúe con responsabilidade, adopte medidas inmediatas de protección e garanta que ningunha traballadora teña que desenvolver o seu labor nunha situación de risco e desprotección.

- Á Xunta de Galiza, que rectifique a súa negativa, asine o documento de compromiso e garanta a aplicación efectiva do protocolo de prevención e actuación fronte á violencia laboral externa no SAF.

- Ás empresas responsábeis do servizo, que cumpran coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais e protección fronte ás distintas formas de violencia.

- A activación de protocolos específicos fronte á violencia sexual, física e verbal, con procedementos claros de denuncia, atención e acompañamento.

- A protección integral das traballadoras agredidas, garantindo atención psicolóxica, asesoramento xurídico e todas as medidas necesarias para a súa recuperación.

- Que se estabelezan medidas efectivas para evitar que as traballadoras teñan que afrontar situacións de risco en solitario e sen recursos de protección.

A CIG advirte que non tolerará a normalización da violencia contra as traballadoras dos coidados nin aceptará que as agresións, os insultos, as ameazas ou a violencia sexual formen parte dos riscos asumíbeis dunha profesión. Porque coidar das persoas non pode significar poñer en perigo a propia integridade.

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar merecen respecto, dignidade, seguridade e protección. Non abonda con recoñecer publicamente o valor dos coidados: hai que garantir os dereitos e a seguridade de quen os presta.