• Nova

CIG-Servizos critica que o Concello de Santiago pretenda enfrontar o persoal dos centros cívicos e as familias usuarias

Advirte que nas xornadas de folga non se cumpren as ratios marcadas para atender as crianzas
Compostela - 20 Xul 2022

Ante os diversos comentarios aparecidos no día de onte nas redes sociais polo conflito dos centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela, a CIG-Servizos quere manifestar o seguinte:

- Non é certo que se estean  tirando fotografías das crianzas que entran nos centros. As traballadoras e traballadores destes centros cívicos son plenamente conscientes e teñen unha especial sensibilidade con estas crianzas. Non cómpre esquecer que este persoal leva anos traballando nestas instalacións e tendo en todo momento especial dedicación coas nenas e nenos.

- O único que se busca con este tipo de comentarios é enfrontar as familias coas persoas traballadoras, fomentando este enfrontamento o propio Concello. Unha vez máis o Goberno municipal, na vez de mediar para buscar unha solución, promove de forma ruín a discordia entre as familias e as persoas traballadoras. As familias saben perfectamente a gran profesionalidade que levan demostrado ao longo dos anos estas compañeiras e compañeiros coas súas crianzas.

Por iso, a CIG-Servizos de Compostela pídelles as usuarias e usuarios que non entren neste tipo de prácticas que só buscan apartar a atención do verdadeiro problema: a precarización das condicións laborais e salariais do persoal e os despedimentos provocados tras a adxudicación do servizo ás novas empresas, Serviplus, Nor’integra e Atlantic Ponte.

- A CIG-Servizos insiste, unha vez máis, en que durante as xornadas de folga non se están a cumprir as ratios de persoal para atender as crianzas que asisten aos centros. Este incumprimento vai ser denunciado diante da Consellaría de Política Social e Xuventude para que adopte as medidas sancionadoras oportunas contra as empresas concesionarias deste servizo.

De igual xeito, a central nacionalista apela á responsabilidade do Concello de Santiago, como titular do contrato, para que abandone as súas prácticas de enfrontamento cos traballadores e traballadoras e exixa ás empresas que respecten o mantemento do convenio propio e cumpran coa lexislación, tanto para garantir os dereitos do persoal como a calidade do servizo que se presta.