CIG-Servizos de Lugo denuncia a improvisación na apertura dos centros de día de xestión privada

Advirten que falta persoal suficiente para cubrir o servizo con garantías
Lugo - 20 Xul 2020

A Federación de Servizos da CIG de Lugo-A Mariña denuncia a absoluta improvisación coa que o pasado mércores, 15 de xullo, se procedeu á apertura dos centros de día de xestión privada de titularidade da Xunta de Galiza. Estes centros, advirten, foron abertos con escaseza de persoal, xa que o persoal que comezou a traballar resulta insuficiente para cubrir o servizo con garantías, ao ter que compaxinar a asistencia no propio centro co acompañamento en transporte dos usuarios e das usuarias.

A esta situación "súmase que a carga de traballo é superior á que existía antes do peche pola Covid19, xa que agora teñen que cumprir cuns criterios de actuación que implican un incremento das tarefas de limpeza, protocolos de entrada e saída dos centros, de estancia nos mesmos, etc, que supón que na práctica sexa imposíbel de realizarse co persoal que hai en activo".

Igualmente, CIG-Servizos denuncia que a improvisación na apertura se evidenciou coa entrega de EPI (máscaras, luvas, batas, etc.), "posto que hai casos de centros que tiveron que abrir sen existir ningunha medida de protección individual a disposición do persoal, e aínda agora hai centros por exemplo que non dispoñen de batas".

A CIG critica que desde a Xunta de Galiza non se reforcen os servizos sociais e centros asistenciais coas necesidades e recursos precisos para unha atención digna e de calidade, "primando unha vez máis a propaganda sobre a calidade e amosando que, pasadas as eleccións autonómicas, a Xunta continúa cunha práctica idéntica de deterioro dos servizos públicos, posto que aínda que neste caso estean xestionados por empresas privadas, o servizo segue a ser público".