CIG-Servizos denuncia as nefastas condicións laborais e de seguridade na Fundación Hospital Asilo Vilalba

O centro segue sen contar con equipos de prevención adecuados
Vilalba - 21 Dec 2020

A CIG-Servizos quere denunciar as nefastas condicións de traballo e de seguridade que hai na Fundación Hospital Asilo Vilalba (FHA V), onde existe unha "absoluta falta de coordinación e organización do traballo que afecta directamente ás condicións laborais do persoal e á atención e coidados que se presta ás persoas residentes".

Unha vez máis, a Federación lamenta a  situación tan dolorosa que teñen que vivir as e os residentes, as súas familias e o persoal das residencias privadas pola actual situación de alarma sanitaria.

A este respecto, Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, denuncia que as traballadoras deste centro de Vilalba teñen que aguantar un trato vexatorio e ameazas de despedimento por parte persoa responsábel de organizar e coordinar o traballo, "véndose obrigadas a cumprir ordes de traballo ben ou mal dadas". Unha situación "que se está volvendo insostíbel" e ante a que o comité de empresa mantén unha actitude pasiva.

Antas explica que o persoal desta residencia nunca tivo medidas de prevención e EPI adecuados, pero esta carencia agravouse a partires do inicio dos contaxios por Covid-19 e "por iso temos tamén que criticar a pasividade da Xunta de Galiza posto que, como vén sendo habitual, a intervención do centro se fixo de maneira extemporánea". Pero dende entón, advirte, "tampouco mudaron as nefastas condicións nas que o persoal segue prestando os servizos ao non existir medidas de prevención e protección fronte á Covid-19".

A CIG  insta a Consellaría de Política Social -que anunciou que está levando a cabo unha campaña de control no sector das residencias- a que asuma a responsabilidade política "de non permitir que os coidados, a saúde e a vida dos nosos maiores non reúnan as condicións e requisitos básicos en base a puros intereses económicos" e que se cree unha Rede Pública de Servizos de Atención ás Persoas, que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros servizos.