CIG-Servizos denuncia o atraso continuado no pago das nóminas ao persoal de Hiperxel

As traballadoras/es están nunha situación de total incerteza xa que a empresa non lles traslada información clara sobre o seu futuro
Nacional - 08 Set 2022

A CIG-Servizos denuncia a situación que está a padecer dende hai meses o persoal da empresa Xeldist Congelados SLU, máis coñecida polo seu nome comercial HIPERXEL, dedicada dende hai máis de trinta anos ao comercio de produtos conxelados. A compañía está a atravesar dificultades na súa tesourería polo que non é capaz de abonar os salarios do persoal en tempo, arrastrando atrasos nos pagamentos tanto a empresas provedoras (coa problemática de falta de mercadoría nas tendas que isto carrexa) como ás traballadoras e traballadores.

O persoal atópase nunha situación de incerteza máxima, non tendo información clara e fiábel por parte da empresa máis alá de comunicados onde se fala dunha intención de reflote pero sen dar ningún tipo de garantía nin dato concreto. Neses comunicados, explica a CIG-Servizos, a empresa manifesta que a situación está á a piques de se arranxar e pídelle un esforzo extra a un persoal "que a día de hoxe xa non ten nin esforzo nin ánimo que ofrecer á empresa, máis aínda cando non se lles da información fiábel e suficiente".

O mércores 7 de setembro, a empresa emitiu un novo comunicado ao comité provincial de Pontevedra, "no que o xerente pedía por enésima vez paciencia ao persoal", manifestando que a situación de desabastecemento de mercadoría continuaría, esperando que a fins desa semana puidese anunciar a volta á regularidade no subministro de mercadoría e no pagamento das nóminas.

 Diversos cambios de titulariedade da empresa

Cómpre salientar que esta compañía se viu inmersa en varios cambios de titularidade pertencendo actualmente ao grupo empresarial IBERCONSA, e sendo o accionista maioritario do grupo a día de hoxe o fondo de capital risco Platinum Equity, que ten o 70% das accións dende 2019. Así mesmo Xeldist Congelados SLU foi adquirida polo grupo VINOVA (xerenciada por Juan José Villamizar) en xullo de 2021, grupo no cal está integrada a marca comercial “Congelados Cíes”. Tras uns meses de adaptación á nova situación empresarial, en abril do presente ano comezou a situación de atraso nas nóminas e falta de mercadoría nas tendas.

Diante dos continuados atrasos e falta de información clara, estase valorando emprender accións para visbilizar a problemática e tratar de frear as consecuencias negativas de tal situación. CIG-Servizos traslada todo o apoio ao persoal afectado que "semella ter máis compromiso co traballo diario que a propia empresa, indo a traballar sen saber cando cobrarán ou cando e como rematará esta situación pola que están atravesando".