• Nova

CIG-Servizos denuncia os reiterados impagos dos salarios a persoal de Alcor Seguridade de Lugo

Reclama a Xunta que non adxudique contratos a este tipo de empresas pirata
Lugo - 28 Feb 2020

A CIG-Servizos de Lugo denuncia os reiterados incumprimentos e falsidades documentais nas que incorre a empresa de seguridade privada Alcor Seguridad SL, que presta servizos para a Xunta de Galiza en diversas instalacións, como a Biblioteca Castro de Viladonga, o colexio Santo Anxo e a Audiencia Provincial.

A empresa, explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, débelle os salarios a varios traballadores, nalgúns casos dende a data na que se lle adxudicou o servizo, polo que xa teñen presentado demandas no Xulgado do Social e denuncias na Inspección de Traballo, "que nos seus informes deixa acreditados os graves incumprimentos de Alcor".

Esta situación, que vulnera e atenta contra os dereitos dos traballadores, xa foi comunicada e documentada ante a Xunta de Galiza, que neste intre ten en fase de adxudicación distintos servizos de seguridade privada na provincia de Lugo. Ademais, a CIG está valorando remitir denuncia-expediente á Fiscalía para que faga a pertinente investigación.

Ante os reiterados incumprimentos de Alcor, a central sindical agarda que a Xunta "adopte as decisións políticas necesarias, que impidan que empresas piratas inflen as súas contas de resultados con cartos públicos a conta de vulnerar reiteradamente os dereitos dos traballadores e traballadoras".