CIG-Servizos esixe a Eulen que conte co persoal que facía o servizo de limpeza na terminal de Endesa
A CIG-Servizos esixe a Eulen que recupere o persoal que prestaba o servizo de limpeza na terminal de Endesa no Porto de Ferrol e que foi despedido tras o anuncio de peche da central térmica das Pontes e a parada da descarga de carbón nestas instalacións.
Eulen, explica a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Cristina Martínez Padín, ten a contrata do servizo de limpeza nestas instalacións, e tras o anuncio da eléctrica procedeu ao despedimento da maior parte do cadro de persoal, "exemplarizándose na práctica a falta de compromiso de Endesa co mantemento dos postos de traballo das compañías auxiliares".
Por iso, ante a previsión de retomarse a actividade -descoñecéndose por canto tempo- coa chegada de carbón a terminal ferrolá, a Federación de Servizos considera "do máis coherente que Eulen volva contar cos servizos do persoal que foi despedido, pois coñecen perfectamente os labores que realizan e contan coa formación necesaria".
Porén, ao igual que Endesa, "Eulen tampouco pensa nas traballadoras e traballadores que enviou para casa no Porto de Ferrol, e ten decido non chamar a este persoal". Por iso, Martínez Padín entende que Eulen "se aproveitou dunha lexislación laboral feita ao servizo dos intereses das empresas para, no momento que existiu unha causa, desfacerse dos traballadores/as que lle resultaban incómodos por reclamar os seus dereitos".
Isto, engade, "é o único motivo que pode explicar a cerrazón da empresa a hora de teimar en non chamar a traballar o persoal que foi despedido no seu día". Neste sentido, a CIG reitera o compromiso na defensa dos postos de traballo das empresas que prestan servizos auxiliares para Endesa.