• Nova

CIG-Servizos inicia unha campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas

Delegadas/os do sector concentráronse nas dependencias de Política Social na Coruña
Nacional - 25 Abr 2022

A CIG-Servizos iniciou este luns a campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas, que se cumpra coas ratios establecidas así como un incremento destas que permita mellorar tanto as condicións laborais das traballadoras e traballadores como a calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias. A primeira protesta realizouse no edificio Amizar da Coruña, onde están as oficinas da Consellaría de Política Social, a quen se lle demandou a equiparación da ratios coas que hai nas residencias de xestión pública.

Hai que subliñar que o número mínimo de persoas traballadoras que corresponden por cada persoa usuaria nunha residencia privada ou de xestión privatizada está regulada pola Xunta de Galiza, que ten sen actualizar as ratios dende o ano 1996. Isto a pesar do avellentamento da poboación galega e do incremento das necesidades de atención nos centros. Pero a esta ratio desfasada hai que engadir que en moitos casos as empresas non cumpren nin sequera cos mínimos de persoal (especialmente nas categorías de xerocultora, enfermería e limpeza), xa que contabilizan como ratio o persoal que non presta atención directa.

"Queremos a equiparación das residencias públicas coas privadas. Nas públicas hai unha ratio de 0.20 traballadoras/es por persoa dependente moderada e dun 0.35 por leve, e atopámonos que nas residencias privadas, e mesmo nas de xestión privatizada, non se cumpre porque as empresas contan a atención non directa (como o traballo social, a animación, fisoterapia etc.) nestas ratios", explica Beatriz Fernández, da CIG-Servizos e presidenta do comité da residencia DomusVi de Ferrol.

Esta falta de persoal suficiente, engade, tradúcese nunha atención en precario tanto no relativo ás condicións laborais como á calidade asistencial. "Estamos a falar de que temos 8 minutos para lavar, vestir e erguer unha persoa dependente ou dar de xantar a 20 persoas dependentes en hora e media. Que condicións laborais son estas e onde están os dereitos das usuarias e dos usuarios a ter unha atención digna?", inquiriu Fernández.

Neste senso, a representante da CIG subliña que as empresas están tendo problemas para atopar persoal xerocultor ou de limpeza, precisamente polas cativas condicións laborais e salariais que se lle ofrecen. Unha precariedade que o convenio colectivo que a patronal, CCOO e UGT veñen de asinar non corrixe en absoluto.

Política Social non responde á solicitude de reunión

Para abordar esta realidade, demandar a equiparación das ratios e que a Xunta faga o labor inspector que lle corresponde, a CIG-Servizos solicitou hai xa seis meses unha reunión coa Consellaría de Política Social "da que a día de hoxe seguimos sen ter resposta". Por iso, a federación acordou pór en marcha esta campaña reivindicativa e realizar mobilizacións diante das dependentes de Política Social. A próxima protesta será o 9 de maio en Lugo.