Comunicado conxunto ante o atraso no pago da nómina por parte de Monbus no transporte urbano de Santiago
A representación sindical do transporte urbano de Santiago (TRALUSA, AULUSA-Santiago e AULUSA-Teo-) vén de emitir un comunicado unitario diante do retraso do pago na nómina por parte das empresas.
COMUNICADO:
Diante da desinformación e o intento de manipulación da situación dos traballadores e traballadoras do transporte urbano de Santiago de Compostela polo retraso inxustificado no pago da nómina de agosto, celebrouse unha asemblea que fixo as seguintes valoracións e adoptou por unanimidade os seguintes por acordos que, no seu conxunto, facemos públicos:
- As nosas empresas Tralusa, Aulusa-Santiago e Aulusa-Teo, todas elas do Grupo Monbus, en ningún momento informaron aos traballadores nin os seus representantes legais de que non tiñan intención de abonar a nómina do mes de agosto. Nin tan sequera de que non o farían até que o Concello non fixera efectivo os pagos pendentes. Non foi até o día 5 (data habitual de límite de cobro) en que se comezou a correr a voz de que non ían pagar e esa confirmación veu pola prensa. Claramente, Monbus quería provocar esta situación e empregar aos traballadores para defender os seus propios intereses diante do concello.
- Non entendemos como unha situación deste calibre non se comunica previamente e se convoque unha reunión ao efecto, feito que non se produciu aínda a día de hoxe. Foi a representación sindical quen tivo que confirmar telefonicamente a intención de Monbus de agardar a que o concello lle fixera o ingreso. O noso salario debera de estar garantido e non depender do xogo político de maiorías e minorías que se dea no concello e menos dos intereses particulares da empresa que, en cada momento, se faga cargo do servizo. Non entendemos como se xoga así co noso pan.
- Diante desta situación a representación legal dirixiuse ao concello para coñecer a situación de primeira man. O domingo 7 o concelleiro de mobilidade confirma telefonicamente que o pago das facturas de 2025 se aprobaría na Xunta de Goberno do día seguinte. Ese mesmo luns recibe a representantes legais dos traballadores onde confirma a aprobación do pago a Monbus de 3 millóns de euros, que se faría efectivo nos días seguintes. O mércores 10 confirman que se ten emitido a factura e que, cos trámites formais dos informes de Facenda, contaban que o ingreso se faría efectivo nesta semana. Hoxe mesmo nos confirmaron que así se fixo.
- Monbus sabía que ese pago estaba aprobado e era inminente e debera ter feito, de xeito imediato, o abono da nómina o luns e non agardar até o hoxe. Como isto non foi así foi presentada unha denuncia a Inspección de Traballo polo retraso inxustificado no pago da nómina, xa que estamos ante unha decisión empresarial unilateral.
- A representación legal das persoas traballadoras solicitará agora unha reunión coa empresa, con carácter urxente, para que dea explicacións desta situación de retrasos nos pagos que consideramos extremadamente grave e cal é a súa intención de cara ao futuro, toda vez que acaba de recibir o ingreso de tres millóns de euros.
- A representación legal das persoas traballadoras igualmente solicitará unha reunión con todos os grupos con representación municipal para coñecer a súa posición diante deste asunto e que nos expliquen con claridade a súa posición de voto no pleno a respeito do resto cantidades pendentes. Nesas reunións instaremos ao Concello a que, ademais de buscar unha solución para a aprobación en pleno dos pagos pendentes, que no futuro se atendan en tempo aquelas facturas relativas ao servizo ordinario para evitar situacións como a vivida neste momento.
- A representación legal das persoas traballadoras informa ademais que estará presente e solicitará intervir no pleno onde se vaia a tratar este tema e convocará a todos o cadro de persoal. Exixindo ademais que se vincule o pago desas cantidades a Monbus, co compromiso empresarial de facer frente ao pago das nóminas mensuais puntualmente.
- A asemblea decidiu non convocar folga neste momento porque entendeu que co ingreso dos 3 millóns de euros a nómina tiña que estar garantida. Pero velará porque Monbus pague as sucesivas nóminas, polo que se comunicará unha convocatoria de folga a partir do día 6 de cada mes se o día 5 non está abonada a nómina ao cadro de persoal.
- Da mesma maneira, o cadro de persoal acordou deixar de realizar horas extras no caso de novos impagos, horas que se veñen realizando ante a falta de contratacións por parte das empresas e para garantir o servizo.
- Finalmente instamos ao Concello a que axilice o máximo posible e dea máxima prioridade ao novo contrato do transporte urbano para que remate unha situación que perxudica gravemente ao servizo e de maneira especial aos traballadores e traballadoras.
En Santiago de Compostela, a 12 de setembro de 2025.
Comité de Empresa de Tralusa, Delegado de Persoal de Aulusa-Santiago, Delegado de persoal de Aulusa-Teo