Comunicado da Área Pública da CIG sobre a situación actual da reforma do EBEP

Mantéñense as eivas que levaron ao sindicato a manter unha posición crítica co texto inicial

Nacional -

A Área Pública da CIG (Ensino, Administración e Saúde) fai pública a súa valoración sobre a situación derivada da actual tramitación parlamentaria no Congreso para modificar o RDL 14/2021.

A proposta que se presenta nas transaccións propostas polo Goberno, a través da Secretaría de Estado de Función Pública, para a modificación do RDL 14/2021, ás que tivo acceso a CIG, incorpora como principal novidadea aplicación extraordinaria do sistema de acceso mediante concurso para os casos de prazas estruturais que fosen ocupadas de forma temporal e ininterrompida con anterioridade a 1 de xaneiro de 2016)mantendo a vía do concurso-oposición para estabilizar prazas estruturais que estean ocupadas por máis de tres anos (sen ser anteriores ao 1 de xaneiro do 2016), permitindo que haxa exames non eliminatorios na fase de oposición.

Á espera de ver como remata a tramitación parlamentaria desta “Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade”cabe destacar que os elementos principais que levaron á CIG a manter unha posición crítica co texto inicial negociado na Mesa Xeral das AA.PP, mantéñense coas mesmas eivas. Así:

  • Mantén invariábel o control centralista da ordenación dos recursos humanos das diferentes administracións mediante a imposición de taxas de reposición con carácter básico, con ampliación parcial nun breve espazo de tempo.
  • Non existe marxe competencial relevante para regular en cada ámbito territorial dos sectores afectados directamente pola proposta (administración xeral estatal, autonómica e local) xa que se regulan dúas vías totalmente definidas e dirixidas desde Madrid, que só se poderán adaptar nos ámbitos de aplicación, sen permitir que en cada mesa de negociación (Xunta, Concellos, Xustiza, etc) se poidan aplicar outros sistemas en función da realidade de cada administración e do que se pacte nas mesas de negociación.
  • Pretende eliminar a temporalidade na administración despedindo a todo o persoal interino que supere os 3 anos de contrato, nos casos en que se comece a traballar con posterioridade á entrada en vigor da lei (xaneiro de 2022), o que suporá o seu cese aínda que ocupe unha praza cuxo titular non se incorpore, algo totalmente impresentábel.
  • Para a CIG o concurso non implica unha vantaxe substancial sobre outros sistemas de acceso. Nin demonizamos o concurso nin o poñemos como figura salvadora como fan outros. Ao ser un concurso aberto non se pode vender a idea, como se afirma, de que van facer fixo ao persoal interino que ocupa as prazas que se ofertan. A xestión populista dalgúns sindicatos irresponsábeis e os intereses económicos de despachos de avogados vai xerar, con certeza, unha enorme frustración a quen lle venderon que un concurso lle vai garantir a fixeza.
  • Por iso a CIG non se ten pronunciado a prol do sistema de concurso e defendemos solucións diferentes nos distintos sectores nos que se organiza a administración pública, porque responden a realidades distintas en canto volume de temporalidade, causas e sistemas de acceso. Así como non ten nada a ver Educación con Sanidade, tampouco se pode comparar unha empresa pública ou un consorcio, a administración de Xustiza, a Xunta ou un Concello. Tratar de xeito igual o que é diferente é algo incoherente que desde a CIG non podemos asumir. Por iso defendemos a autonomía total e o respecto ás competencias de cada administración e o poder da negociación colectiva en cada ámbito.
  • Aínda que a norma non afecta directamente aos ámbitos de Educación e Sanidade, e dá un prazo de un ano para adaptala a estes sectores, o certo é que a ausencia dunha relación de postos de traballo nestes ámbitos fai moi complicado determinar quen pode acreditar que estivo durante cinco anos en prazas estruturais vacantes, e iso sempre e cando se chegase a interpretar que a concatenación de contratos anuais ou de períodos inferiores se vai considerar como se fosen ininterrompidos. Tal e como está agora mesmo a redacción, a efectividade sería nula (se non se consideran os contratos interrompidos) ou moi limitada (estar cinco ou máis anos na mesma praza).
  • Non se teñen en conta cuestións obxectivas como o recoñecemento xudicial ou administrativo de indefinición o que debería implicar a conversión da praza en fixa.
  • Así como no caso do concurso-oposición se regula a posibilidade de que os exames non sexan eliminatorios, non se contempla a posibilidade de recoñecer como superados total ou parcialmente a fase de oposición para quen superou xa exames de ingreso.
  • Por outro lado, o cómputo de cinco anos para fixar a consideración de “longa duración” é totalmente arbitrario, o que pode crear unha nova fonte de conflitos.
  • Tampouco se ten en conta ningunha diferenza para os casos nos que se acredite a fraude por abuso de temporalidade do que é a simple consideración de interinidade de “longa duración”. Non se estabelecen medidas reparadoraspara o persoal interino que foi vítima do abuso na contratación temporal, tal e como esixe a lexislación e a xurisprudencia europea.
  • Impídese expresamente que se poida chegar a acordos de estabilidade para o persoal interino que poida perder o seu posto se non supera o concurso ou o concurso-oposición. No proxecto de Lei tampouco se contempla a posibilidade de poder excluír do proceso ao persoal que está próximo á xubilación, garantindo a súa estabilidade como persoal interino.
  • Non se fixan sancións contundentes e disuasorias para os cargos directivos e políticos que permitan por acción ou inacción o abuso na temporalidade.
  • Non se recoñece a indemnización por despido improcedente con 33 días por ano traballado no caso das persoas que foron vítimas do abuso de temporalidade que perdan o seu posto de traballo, como figuraba no texto inicial.
  • A xestión da tramitación desta lei é un perfecto exemplo da vergoñenta actuación de CCOO, UGT e CSIF, que asinaron a todo correr co goberno do Estado un acordo que deixaba tirado ao persoal interino e temporal, como xa fixeran antes cos anteriores acordos de falsa estabilización asinados cos gobernos do PP. A rectificación total en sede parlamentaria do acordo asinado polos sindicatos estatais co goberno supón un importante varapau e unha descualificación monumental.

En resumo, e á espera do que dea de si a tramitación da lei, a CIG non pode estar de acordo coa proposta actual e reitera a súa posición na mesa de negociación:

  • eliminación da taxa de reposición, que favorece que os procesos de consolidación se convertan nun mal endémico nas administracións públicas.
  • respectar a plena capacidade para negociar en cada ámbito territorial e nos diferentes sectores nos que se organiza a administración pública, aplicando un réxime sancionador estrito aos cargos públicos que permitan a fraude, con medidas reparadoras para quen se mantén nunha situación de temporalidade abusiva e así evitar que sexa o persoal temporal quen cargue coas consecuencias das políticas de recortes das diferentes administracións.

Volver