Concentración na residencia DomusVi de Monforte por unha atención de calidade e unhas condicións laborais dignas

Monforte - 14 Nov 2025

A CIG desenvolveu unha concentración este venres diante da residencia DomusVi de Monforte para demandar unhas condicións laborais dignas e que se garanta unha atención de calidade ás persoas usuarias. A protesta prodúcese logo das informacións públicas alertando de malas condicións na alimentación e na hixiene nesta residencia.

A maiores, sinalan dende a Unión Local da CIG de Monforte, “temos informacións a respecto de que a dirección do centro está presionando e chamando as traballadoras para que asinen un documento no que se afirma que as condicións na residencia son boas”.

A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña subliña que os cadros de persoal nas residencias privadas son inferiores aos das residencias públicas, o que fai que as traballadoras e traballadores teñan que soportar unha sobrecarga laboral moitas veces inasumíbel, agravada porque en moitos casos nin sequera se cobren as baixas.

Apuntan que neste sector dáse un número importante de baixas por problemas musculo-esqueléticos polo esforzo físico que implican estes traballos e a sobrecarga laboral e tamén baixas psicolóxicas pola carga mental.

O sector privado regúlase polo convenio colectivo de residencias privadas, de ámbito galego e caducado dende 2023, que contempla unhas condicións salariais e sociais moi inferiores. Ao punto son precarias as condicións, que a maioría das categorías están por debaixo do SMI. “Unha traballadora dun centro privado traballa da orde de doce días máis ao ano e cobra de media uns 5.000 euros menos, dependendo da categoría, que nas residencias públicas”, apunta Xosé Paz, da CIG-Servizos.

En toda esta situación, “a Xunta de Galiza ten unha responsabilidade directa por ter plenas competencias no control da prestación ás persoas usuarias e na precariedade laboral”, por promover un modelo de coidados privatizado e mercantilizado.

Neste senso, reivindicou que as inspeccións de servizos sociais sexan máis exhaustivas e que se reforce o persoal deste servizo; e que se garanta que non se filtran as datas das visitas para evitar que as empresas poidan organizar o traballo e o centro de cara a simular que se cumpre con todos os requisitos legais esixidos.