Concentración no Mercadona de Rianxo para esixir a readmisión dunha traballadora despedida tras estar de baixa

A empregada é unha das máis vetaranas da empresa e tocáballe presidir a mesa electoral
Rianxo - 13 Nov 2018

A CIG realizou unha concentración este luns diante do supermercado que Mercadona ten en Rianxo para esixir a readmisión dunha traballadora que foi despedida tras reincorporarse dunha baixa ocasionada pola presión psicolóxica á que estaba sometida por parte da empresa.  A traballadora é unha das máis veteranas que a compañía ten na provincia da Coruña e unha das primeiras en tentar montar unha candidatura da CIG, como alternativa á "xerencia sindical" que exercen CCOO e UGT nesta empresa.

A traballadora despedida, explica Roberto Pérez, da CIG-Servizos, é a máis veterana que ten Mercadona na provincia con 25 anos de antigüidade na empresa. De feito foi trasladada no seu día dende Valencia e axudou á posta en marcha de varios supermercados. En todo este tempo nunca collera unha baixa, até o pasado ano, cando polas presións constantes ás que estaba sometida por parte da dirección, caeu enferma. "E xa se sabe o que pasa nesta empresa cando enfermas, que pasas a formar parte dunha lista negra", lembra Pérez.

De feito, a CIG tense mobilizado en diversas ocasións para denunciar a política laboral que aplica Mercadona baseada no medo e as represións, e que resulta especialmente agresiva contra as traballadoras e os traballadores que collen unha baixa médica. Sobre este persoal a empresa exerce un control, seguimento e coaccións enormes co obxectivo de que se reincorporen ao seu postos o antes posíbel "e se non colaboran corren serio risco de seren despedidas e despedidos".

A este respecto, a pasada semana a CIG-Servizos facía pública unha sentenza (que xa é firme) que condena a Mercadona a readmitir e indemnizar a unha traballadora por entender que foi despedida polas súas limitacións físicas para estar en determinados postos.

Represalia por enfermar e tentar ser combativa

No caso da empregada de Rianxo, a carta de despedimento chegoulle poucos meses despois de reincorporarse da baixa médica e ás portas do inicio do proceso de eleccións sindicais, no que, por antigüidade, lle correspondía exercer a presidencia da mesa electoral.  Dáse o caso de que esta traballadora foi unha das primeiras que tentou montar unha candidatura da CIG alternativa "ás candidaturas de empresa".

Este intento de introducir un sindicalismo real na empresa foi rapidamente combatido por Mercadona, que mesmo chegou a desembarcar un continxente de persoas procedentes doutras autonomías para "convencer" de retirarse as traballadoras e traballadores que ían nesa lista da CIG.

"Dende entón, valora Pérez, a empresa tenlla gardada e cando se soubo que lle tocaba ser a presidenta da mesa electoral, ao pouco, a traballadora recibiu unha carta de despedimento de 15 folios dicindo que fixera todo mal. Cando menos resultan curiosas estas afirmacións tendo en conta que nos máis de 25 anos que leva na empresa nunca recibira unha queixa polo seu traballo", subliña.

Neste senso, o sindicalista considera que a empresa non quería de ningún xeito que a mesa estivera encabezada por unha persoa "que pode dar unha imaxe de neutralidade". Lembra que o calendario electoral está feito "á medida de CCOO e UGT, de maneira que hai 18 días de propaganda, non dura tanto nin unha campaña electoral a cargos públicos", ironiza.

Por iso a CIG-Servizos entende que este despedimento é unha represalia na que se conxungan dos dous factores que máis puntos negativos suman se traballas en Mercadona: enfermar e coller unha baixa e ser unha persoa reivindicativa. O despedimento xa foi denunciado (pídese a súa nulidade) e dende a CIG "seguiremos denunciando todas estas políticas antilaborais e antisindicais de Mercadona".