Concentración nos Xulgados de Ferrol para esixir a Pregecsa a readmisión do persoal dos servizos auxiliares da UdC

A protesta coincidiu coa celebración do xuízo por despedimento
Ferrol - 03 Xul 2019

A CIG realizou esta mércores unha concentración diante dos xulgados de Ferrol coincidindo coa celebración dun dos xuízo contra Pregecsa, a empresa que resultou adxudicataria do contrato dos servizos auxiliares da Universidade da Coruña, que non subrogou a 12 traballadoras e traballadoras (5 do campus de Ferrol e 7 da Coruña) que viñan prestando este servizo dende hai anos.

Este grupo de traballadoras e traballadores, lembran dende a CIG-Servizos, están na rúa dende o pasado 1 de marzo, xa que a adxudicataria decidiu non subrogalas (aproveitando que non tiñan convenio de referencia) e contratar no seu lugar novo persoal con diversidade funcional (para beneficiarse das bonificacións que hai por estes contratos) e persoal en prácticas.

Cómpre lembrar que as empregadas/os despedidas/os tiñan unhas condicións salariais cativas, xa que só cobraban o Salario Mínimo Interprofesional, polo que “o obxectivo de Pregecsa coa súa decisión é pagar aínda menos para sacar un maior beneficio, sen importar os dereitos nin as condicións laborais”, denuncia Marcos del Río, da CIG-Servizos de Ferrol.

A este respecto,  critica que Pregecsa se desfai deste persoal “mentres a Universidade mira para outro lado eludindo as súas responsabilidades, xa que consinte en que se precaricen as condicións de traballo e se rebaixe considerabelmente a calidade do servizo”. De feito, a central sindical xa se mobilizou en dúas ocasións diante do edificio do reitorado da UdC na Coruña para esixir a implicación activa da universidade, “pero, malia o compromiso do reitor, todo segue igual”.

Neste senso, hai que subliñar que estas traballadoras e traballadores atópanse nunha situación de indefensión total, e mesmo tiveron grandes dificultades para que o SEPE lles recoñecera o dereito a cobrar a prestación por desemprego, porque na práctica non foran despedidas pola anterior concesionaria, ASTRA, senón que figuraban como persoal subrogado.

Críticas á conivencia da UdC

Para Del Río, “a conivencia da UdC coas argucias dunha empresa privada para obter beneficios a toda costa, mostrando total indiferenza co drama que están a vivir estas traballadoras/es que levan máis de 10 anos traballando na Universidade e que están na rúa dende o 1 de marzo, son impropias e vergoñentas dunha entidade pública”. Insiste no feito de que “este mercadeo tan pouco ético” se podería evitar se as administracións incluíran cláusulas sociais nos pregos dos contratos públicos.

Por iso, dende a Federación de Servizos subliñan que se manterán as mobilizacións até que se reverta esta situación e se recoñezan os dereitos deste persoal.